Deputación de Lugo

200 veciños da provincia redescobren nesta Semana Santa os Concellos de Sober, Cervo, Burela e Navia grazas ó Km0

Os participantes coñecerán os recursos naturais, culturais, artísticos e económicos destas catro localidades da Ribeira Sacra, A Mariña e A Montaña nas rutas organizadas hoxe e mañá A Deputada de Deseño e Artesanía recibiu este martes a 48 integrantes da Asociación Amigos do Camiño de Mondoñedo e a 55 veciños de Carballedo, que realizaron os itinerarios Adegas e Miradoiros, e Paseo dos Namorados, respectivamente

Un total de 200 veciños da provincia aproveitarán esta Semana Santa para redescubrir os Concellos de Sober, Cervo, Burela e Navia de Suarna grazas ás rutas do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo. Os participantes coñecerán os recursos naturais, culturais e artísticos destas catro localidades Ribeira Sacra, A Mariña e A Montaña percorrendo os itinerarios programados para este martes e mañá mércores, ademais de contribuír a dinamizar o sector hostaleiro, pois pararán a repoñer forzas en distintos restaurantes e casas de turismo rural.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a un grupo de 48 integrantes da Asociación Amigos do Camiño de Mondoñedo e a 55 veciños de Carballedo, que gozarán da ruta Adegas e Miradoiros, e Paseo dos Namorados, respectivamente. No caso dos mindonienses, tras coñecer a sede da Deputación, achegáronse ás instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e viaxaron despois a Sober, onde comeron no restaurante La Cantina de Doade, fixeron a ruta de sendeirismo Pena do Castelo, visitaron o Santuario de Cadeiras e gozaron dunha degustación na Adega Proencia. Pola súa banda, os veciños de Carballedo desprazáronse a Cervo para ver a fábrica de cerámica de Sargadelos, a Casa da Administración e o Paseo dos Namorados, ademais do casco urbano de San Cibrao. A comida tivo lugar no restaurante cervense O Almacén.

Mañá mércores terán lugar outras rutas pola Mariña e A Montaña, denominadas A Lonxa e As Androllas, que realizarán, respectivamente, 55 integrantes da Asociación de Nais e Pais do colexio Divino Maestro de Lugo e 48 membros do colectivo veciñal de Distriz, de Vilalba. O grupo da ANPA de Lugo visitará a olería de Bonxe e, xa en Burela, a lonxa da localidade, o barco museo Reina del Carmen, atracado no porto, e a nave de redeiras. O xantar celebrarase no restaurante burelés Palacio de Cristal. Con respecto ós vilalbeses, coñecerán as instalacións do CENTRAD antes de viaxar a Navia, onde comerán no restaurante Xegunde, pasearán pola beira do río Navia e visitarán o castelo e a ponte da localidade, as dependencias da firma Embutidos Suarna e a central hidroeléctrica.

Por teléfono ou en Internet
Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesouraría (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, ademais de facelas reservas dun xeito rápido e sinxelo, dende a propia casa e a calquera hora do día, calquera día do ano, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.