Deputación de Lugo

Besteiro participa no encontro organizado polos veciños para inaugurar a capela lancaresa de Toirán, que restaurou a Deputación

Imaxe deputación de lugo
As obras puxeron en valor un templo de gran relevancia patrimonial e relixiosa, pois é lugar de peregrinación dos devotos da Virxe do RosarioAs actuacións acometéronse no marco do Plan de Comunidades Veciñais, a través do que a Deputación concedeu en 2011 máis de 27.000 euros a entidades asociativas de Láncara

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado no encontro organizado polos veciños para inaugurar a capela de Toirán, no municipio de Láncara, un templo que foi restaurado polo organismo provincial dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2011. Os traballos, rematados a finais do pasado ano, contaron cunha achega da institución luguesa de preto de 7.000 euros. O proxecto acometido puxo en valor unha capela que conta cunha gran relevancia patrimonial e relixiosa, pois é lugar de peregrinación dos devotos da Virxe do Rosario. Os actos de inauguración, ós que tamén acudiu o Alcalde, Eladio Capón, consistiron nunha comida de confraternidade nas inmediacións do templo entre os veciños da parroquia, na que residen unhas 160 persoas.

Para a execución das obras foi preciso constituír unha comisión veciñal. Deste xeito, o seu Presidente, Carlos Rivas, e os demais integrantes -José Antonio Villaverde, José Rodríguez e José Manuel García Aldegunde- agradeceron a colaboración da institución luguesa e a de todos os veciños de Toirán para poder levar adiante os traballos.

A Deputación de Lugo outorgou en 2011 máis de 27.000 euros a entidades asociativas de Láncara no marco do Plan de Comunidades Veciñais co fin de mellorar infraestruturas e servizos rurais, principalmente vías, ademais da capela de Toirán. O Presidente destacou a importancia destas actuacións, “que, non por ser pequenas, deixan de ser importantes, pois teñen unha profunda relevancia social e contribúen a algo tan urxente hoxe na provincia como é dinamizalo rural, facer máis vivas e acolledoras as nosas aldeas, para fixar poboación”.