Deputación de Lugo

A Deputación convoca 24 novas bolsas de emprego para formar guías especializados nas Reservas Terras do Miño e Os Ancares

Lara Méndez e Sonsoles López anunciaron que os beneficiarios recibirán 145 horas de formación a custe cero e logo traballarán como bolseiros entre xuño e setembro, período durante o que percibirán unha remuneración neta mensual de 700 euros Desenvolverán actividades recreativas, culturais, divulgativas e de concienciación, ademais de recompilar información de interese sobre as Reservas, co obxectivo de “fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade: o ecoturismo” Os interesados teñen que enviar entre os días 23 e 29 de abril, xunto ó currículo, un modelo de solicitude que poderán atopar na web provincial ás direccións terrasdomino@deputacionlugo.com ou ancareslucenses@deputacionlugo.org

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este xoves en rolda de prensa un novo programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formará a 24 persoas como guías medioambientais especializados nas Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “A súa labor será difundir e recompilar información sobre os recursos paisaxísticos, ambientais e etnográficos destes espazos naturais co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade: o ecoturismo”, subliñou Méndez. Esta iniciativa enmárcase na aposta da institución luguesa por “consolidar o medio ambiente como unha oportunidade económica de futuro para a provincia, capaz de xerar emprego e fixar poboación”, asegurou a Vicepresidenta.

O programa de guías medioambientais, que conxuga a dinamización do mercado laboral e a difusión dos valores naturais de Lugo, desenvolverase a través do convenio que a Deputación ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Deste xeito, o Ministerio financia o 66% do plan de bolsas de emprego, que está dotado con 141.600 euros.

Haberá 12 bolseiros por cada Reserva e o proxecto estrutúrase en dous piares:

En primeiro lugar, os beneficiarios recibirán de xeito gratuíto formación como monitores guías das Reservas Terras do Miño e Os Ancares durante 145 horas. “Para que se fagan unha idea da calidade da formación que van recibir, coméntolles que unha persoa a título individual tería que pagar por ela 900 euros”, destacou a Vicepresidenta.

En segundo lugar, os participantes farán prácticas remuneradas durante 4 meses, entre xuño e setembro. Cada un dos bolseiros percibirá unha remuneración neta de 700 euros ó mes. Neste período, realizarán diversas actividades recreativas, culturais, divulgativas e de sensibilización no territorio das Reservas. Así mesmo, recompilarán todo tipo información de interese sobre estes espazos, que será incorporada ó navegador xeográfico www.delugo.org A Deputación puxo en marcha este Google medioambiental das Reservas da Biosfera a principios do pasado ano con fondos europeos de Lug02. O portal web permite ó usuario navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse e ofertas de lecer dos lugares que lle interesen. “Xa no momento da súa presentación avanzamos que este navegador xeográfico estaría en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais se irían sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. Co programa de guías medioambientais facemos que esa continua actualización de contidos sexa posible”, indicou Lara Méndez.

Como inscribirse

O vindeiro luns, día 23, abrirase o prazo para que as persoas interesadas en participar neste novo programa se anoten, algo que poderán facer ata o domingo 29 de abril. Para elo, deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org onde atoparán na portada dende o mesmo luns, o día da apertura do prazo, un modelo de solicitude, que teñen que cubrir e enviar por correo electrónico á: terrasdomino@deputacionlugo.org ou ancareslucenses@deputacionlugo.org dependendo da Reserva na que desexen desenvolver estas accións formativas e prácticas. A Deputada de Medio Ambiente aclarou neste senso “que cada interesado poderá optar soamente ó proceso de selección dunha das Reservas, a que prefira”. Co modelo de solicitude deben adxuntar o currículo e méritos que consideren.

En canto ó proceso de selección, López Izquierdo explicou que os aspirantes deben contar como mínimo co certificado de escolaridade. Para a selección valorarase que o currículo se adecúe ás funcións de guía medioambiental e ó desenvolvemento das tarefas a desempeñar dentro das Reservas, así como a actitude cara o posto de traballo.

O proceso completarase cunha entrevista persoal que terá como finalidade apreciar o grao de interese, madurez e dominio dos coñecementos, ademais da formación acreditada no currículo, en relación coas prácticas a realizar.

Riqueza forestal da provincia

Por outra banda, a Deputada de Medio Ambiente realizou unha valoración do estudo elaborado polo Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF) da Universidade Autónoma de Barcelona sobre a retención de emisións de CO2 en España. “Os resultados da provincia de Lugo sobre a absorción deste gas, principal responsable do efecto invernadoiro e do cambio climático, son excelentes, debido á gran riqueza forestal coa que contamos”. López Izquierdo ofreceu dous datos “para contextualizar os resultados do informe”:

Por un lado, os 2,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono que reteñen os bosques lucenses supoñen o 4% de toda España.

Por outro, esa cantidade duplica a media das provincias españolas, que se sitúa en 1,3 millóns de toneladas.

Hai que ter en conta, como lembrou a Deputada, que, segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN), a superficie forestal ocupa un 68% do total de Lugo e desta, un 63% é monte arborizado, unhas 422.000 hectáreas, que supoñen o 35% do total galego. “Na Deputación de Lugo somos conscientes desa riqueza e impulsamos accións para potenciala, como son precisamente o programa de bolsas de emprego que hoxe presentamos ou o plan integral de desenvolvemento do sector agropecuario e forestal que demos a coñecer hai unha semana”, subliñou.