Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a XIV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara, na que se repartirán mil quilos de carne

Imaxe deputación de lugo
A cita, con música, mostras de maquinaria e produtos artesáns, así como concursos de gando vacún e cabalar, celebrarase o martes no Campo da Feira da Pobra de San Xillao A institución financia o evento, colaborando co Concello, dentro da aposta por potenciar a actividade agrogandeira para revitalizar o campo e frear o despoboamento

A Deputación de Lugo impulsa a XIV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara financiando este evento e colaborando co Concello na súa organización. A cita gastronómica terá lugar este martes, 1 de maio, a partir das 10:00 horas, no Campo da Feira da Pobra de San Xillao. Nela está previsto repartir uns mil quilos de carne entre os asistentes. A institución provincial apoia o evento –achegando 2.500 euros- no marco da súa aposta por potenciar a actividade agrogandeira na provincia, tendo en conta que ocupa a 28.000 persoas en Lugo, o que supón o 22% da poboación ocupada, e se sitúa como o segundo sector que máis xente emprega despois do de servizos.

Revitalizalo campo e frear o grave despoboamento que sofre son os obxectivos do organismo lugués con iniciativas de dinamización económica do rural como a construción do primeiro centro de recría público en España, que levanta na Granxa Gayoso Castro; a intensa colaboración que mantén coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) dende o ano 2007 ou a posta en marcha dun plan integral de desenvolvemento agropecuario e forestal. Este é o terceiro ano consecutivo que a Deputación presta a súa colaboración económica ó Concello lancarés para organizar a Feira da Tenreira Galega.

Xunto á degustación de tenreira galega, ó caldeiro ou á grella, a 12 euros por ración, a programación do evento inclúe actuacións musicais, exhibicións de maquinaria agrícola clásica e de produtos artesáns, o sorteo dunha xovenca, e un concurso de gando vacún e outro de cabalos.