Deputación de Lugo

Comeza no CENTRAD un novo curso de artesanía para adultos

O Centro de Artesanía e Deseño acolle dende hoxe e ata o 25 de maio un curso de encaixe de palillos coas 8 prazas dispoñibles cubertasUn novo curso de iniciación á cestaría de vimbio dará comezo o vindeiro 8 de maio coa cota de prazas tamén cuberta

A Deputación acolle dende hoxe no Centro de Artesanía e Deseño un novo curso da programación de primavera do CENTRAD. Ata o vindeiro 15 de maio, “Encaixe de palillos” contará coa participación de oito alumnos, que cubren todas as prazas previstas, e que aprenderán a facer pezas téxtiles elaboradas con esta técnica, consistente en entretecer fíos enrolados nunhas bobinas, chamadas palillos, que se van suxeitando con alfinetes a un pequeno coxín. Unha labor artesanal de gran valor na actualidade, posto que no sector da moda e do deseño segue a ser un material moi demandado. A institución provincial continúa potenciando así un sector que conxuga tradición e modernidade, sendo unha oportunidade económica de primeiro nivel.

O curso desenvolverase nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño os luns, mércores e venres, de 9:30 a 13:30 horas, e os alumnos aprenderán técnicas e algo da historia deste tipo de encaixe. A encargada de compartir os seus coñecementos cos participantes será Beatriz Valín López, recoñecida artesá téxtil lucense.

A tempada de primavera do CENTRAD pecharase cun curso que tamén se celebrará nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, situadas na Travesía da Rúa Chantada da capital lucense. É “Iniciación á cestaría de vimbio”, que dará comezo o vindeiro 8 de maio, coas 10 prazas dispoñibles cubertas ó pouco tempo de abrir o prazo, e que se celebrará de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o 15 de maio.