Deputación de Lugo

Arrancan as rutas Exploradores de Terras do Miño da Deputación con 70 rapaces de colexios de Monforte, Quiroga e Sarria

Os nenos, de entre 7 e 10 anos de idade, coñeceron facendo unha xincana o nacemento do Miño en Meira, a lagoa de Cospeito e o Centro de Interpretación Terras do Miño, en LugoA Deputada de Medio Ambiente entregou a todos os pequenos exploradores un diploma que acredita os seus novos coñecementos sobre a Reserva e como coidar o medio ambiente Os pais interesados en inscribir ós seus fillos nas próximas rutas –os días 12, 19 e 26 de maio- deben enviar ó organismo provincial unha autorización que lles facilitan as ANPAS

A Deputación de Lugo arrancou este sábado o programa de rutas didácticas para os escolares da provincia Exploradores de Terras do Miño cunha intensa xornada na que participaron 70 rapaces de colexios de Monforte, Quiroga e Sarria. Os nenos, de entre idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos, coñeceron o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito e o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, tanto a fauna e a flora destes espazos, como a importancia da auga nela (fontes, cascadas...); ademais dos recursos etnográficos (muíños, batáns...) e incluso lendas típicas da zona. Tamén se lles deron nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema.

Para elo, realizaron diversos xogos e actividades, tipo xincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomaron imaxes e coñeceron os recursos da Reserva Terras do Miño. Cada un dos rapaces elaborou un caderno coas actividades e as fotos que fixo nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org

A xornada concluíu no Centro de Interpretación Terras do Miño cunha merenda e unha entrega de diplomas que acreditan os novos coñecementos dos pequenos exploradores sobre a Reserva e o coidado do medio ambiente. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, foi a encargada de entregarlles os títulos, un momento que os nenos tiveron a oportunidade de compartir cos seus pais e familiares. Os rapaces pertencían ó CEIP A Gándara de Monforte, ó CEIP de Quiroga, e ós colexios sarrianos Frei Luis de Granada, situado na vila, e Antonio Fernández López, de Oural.

Como apuntarse
O programa Exploradores de Terras do Miño continuará, coa mesma estrutura ca xornada de hoxe, os tres seguintes sábados de maio: o 12, para os rapaces da comarca da Montaña; o 19 para os da Chaira e Lugo, e o 26, para os da Mariña. Os pais e nais interesados en inscribir ós seus fillos nesta actividade, dirixida a rapaces de entre 7 e 10 anos e totalmente gratuíta, deben enviar á Deputación unha autorización, ben por correo ordinario á dirección C/San Marcos, nº8 27001 Lugo, ou ben por correo electrónico a terrasdomino@deputacionlugo.org A institución luguesa fixo chegar por e-mail ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs) de tódolos colexios públicos da provincia unha carta con toda a información sobre este programa de excursións, así como a mencionada autorización, co fin de que a distribúan entre os pais, de xeito que aqueles que estean interesados a cubran e a envíen á Deputación. As prazas son limitadas -70 por xornada- e iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición, de maneira que os interesados deberán enviar canto antes os permisos. A data límite é o día antes de cada excursión.

Os pais poden participar
Os nenos participantes, que estarán acompañados en todo momento por monitores, serán recollidos por un autobús entre as 8:30 e as 8:45 horas, a media mañá tomarán un refrixerio e posteriormente comerán nun restaurante da zona que visiten. Ás 17:00 horas entregaráselles unha diploma e merendarán no Centro de Interpretación Terras do Miño de Lugo, en tódalas viaxes, excepto na do 26 de maio, cando este acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo. Os pais están convidados a compartir cos seus nenos a merenda e a entrega de diplomas, e, se o prefiren, pódenos levar eles mesmos desde este lugar de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.

Convenio co Ministerio de Medio Ambiente
A Deputación continua co programa Exploradores de Terras do Miño a súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, da que forman parte tamén a terceira Gala Lvcvs Moda, que terá este martes no Círculo das Artes de Lugo, e varias conferencias, obradoiros e exposicións, xa celebrados, que xiraron en torno á riqueza deste entorno natural. As rutas didácticas foron incluídas á súa vez no convenio que o organismo provincial ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial.