Deputación de Lugo

Máis de 100 profesionais da provincia participan na Feira de San Isidro da Milagrosa, impulsando os seus negocios e os do barrio lugués

Valiño e Vázquez presentan a “Feira de Produtos do Campo e Artesanía, San Isidro 2012”, que organiza a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias da Milagrosa o 18, 19 e 20 de maioA Deputación patrocina esta cita para seguir impulsando o sector servizos que, segundo datos oficiais, dá emprego a 75.000 lucenses, representando preto do 65% dos traballadores en activoO número de visitantes á Milagrosa multiplícase por 10, incrementando os ingresos dos establecemento da zona que, conscientes dos beneficios, tamén colaboran con este festexo

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, e o Presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, presentaron este mércores, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a décimoquinta edición da “Feira de Produtos do Campo e Artesanía, San Isidro 2012”. Trátase da cita festiva organizada por dito colectivo lugués coa colaboración da Deputación de Lugo, como máximo patrocinador, o Concello de Lugo, a Federación de Comercio e cos achegas de profesionais de distintos sectores deste barrio da capital.

Díaz Valiño salientou a “suma de esforzos” entre institucións e veciños para a celebración desta cita, que tera lugar ós vindeiros días 18, 19 e 20 de maio. “É hora de seguir traballando neste senso, hai que recoñecer a crise pero non adicarse, exclusivamente, a laiar, chorar e recortar como fan outras administración. Temos que actuar de xeito consensuado, escoitando ós nosos profesionais, para potenciar iniciativas que dinamicen a nosa economía. Por exemplo, coa Feira de San Isidro estamos a impulsar o comercio, a hostelería, a gastronomía ou a artesanía. En definitiva, o sector servicios que, segundo datos oficiais do Ministerio de Emprego, dá traballo a case 75.000 lucenses, é dicir preto do 65% dos cidadáns en activo na provincia. Ademais, este sector representa preto do 60% do Produto Interior Bruto da economía luguesa. Pola súa banda, Jesús Vaquez agradeceu á Deputación a súa colaboración, “que nos permite cubrir gastos de 15.000 euros”, na organización dunha feira “xa consolidada”, que cualificou como a “feira das feiras de Lugo”.

Principais beneficiados

A feira contará con máis de 100 expositores de produtos autóctonos, tales como pan de Ousá, queixos da Ulloa, mel da Ribeira Sacra, diferentes derivados de porco ou doces, así como de artesanía con pezas de madeira, forxa, coiro e cestería. Son os traballos doutros tantos profesionais chegados de diferentes Concellos lugueses: Castroverde, O Corgo, Pol, Samos, Chantada, Paradela, Friol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Páramo ou Triacastela. Pero non serán estes traballadores os únicos beneficiados desta iniciativa. Segundo os organizadores da cita, o número de visitantes á Milagrosa durante estes días multiplícase por 10, chegando a superar as 5.000 persoas nunha soa xornada. Isto supón, que os ingresos dos establecementos hostaleiros e comerciais deste barrio lugués, cuxo número supera os 100, tamén aumenten de xeito notable. Por este motivo, eles mesmos colaboran coa organización da mostra anualmente. Neste senso, Vázquez lembrou que 1 de cada 3 licencias comerciais no Concello de Lugo son para a Milagrosa, demostrando que é un barrio eminentemente comercial.

Degustacións, música e premios

A festividade arrancará o 18 de maio, ás 19:00 horas, coas actuacións, na Praza da Milagrosa, dun grupo de folck e de “Ximnasio Di-Son”. Os actos poseguirán ás 20:00 horas coa lectura do pregón a cargo do Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e coa inauguración do recinto feiral. Media hora máis tarde, terá lugar a primeira das 3 degustacións preparadas para a ocasión: a “festa gastronómica da rosquilla” con 1.500 unidades. O 19 de maio, ás 17:30 horas terá lugar a actuación da charanga “O Son da Rúa” e ás 19:00 horas a “festa gastronómica da mazá asada” con outras 1.500 pezas. Finalmente, o 20 de maio, ás 13:00 horas amenizará a xornada a Banda Municipal de Música de Lugo, ás 18:30 horas terá lugar a “festa gastronómica do chourizo frito” con 3.000 racións e ás 21:00 horas entregaranse os premios “Miguel Becerra” ós expositores máis engalanados, visitados ou coas maiores vendas. Son uns galardóns que levan o nome dun membro do colectivo de veciños da Milagrosa xa falecido, que dende o ano 1998, é dicir, dende os inicios, colaborou na organización da Festa de San Isidro.