Deputación de Lugo

70 rapaces da Montaña e Sarria farán mañá a segunda ruta didáctica de Exploradores de Terras do Miño da Deputación

Os participantes, que serán recollidos en bus a primeira hora da mañá, coñecerán facendo unha xincana o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, Finca Galea en Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo As prazas para as dúas últimas excursións, os días 19 e 26 de maio, están xa cubertas, o que demostra o interese que suscitou entre os pais e os propios colexios o programa organizado polo organismo provincial para conmemorar o 10º aniversario de Terras do Miño

O programa para os escolares Exploradores de Terras do Miño organizado pola Deputación de Lugo continúa mañá sábado cunha nova ruta didáctica, na que participarán 70 rapaces de centros educativos da Montaña e Sarria. Trátase da segunda das catro xornadas organizadas polo organismo provincial co fin de mostrar ós nenos de entre 7 e 10 anos da provincia a riqueza medioambiental, etnográfica e cultural da Reserva da Biosfera Terras do Miño con motivo do 10º aniversario da súa declaración pola UNESCO. Os escolares participantes, que serán recollidos en bus a primeira hora da mañá, pertencen ós CEIP O Cádavo; San Xoán de Becerreá; Santa María de A Fonsagrada e Frei Luis de Granada de Sarria.

Ó longo da xornada, para a que se cubriron todas as prazas dispoñibles, os rapaces coñecerán con amenos xogos e actividades o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, a Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato. A media mañá tomarán un refrixerio e a comida terá lugar no restaurante Montero de Mondoñedo. Para concluír a programación, ás 17:00 horas seralles entregado un diploma no Centro de Interpretación Terras do Miño, onde tamén merendarán. Os pais dos rapaces poderán compartir este momento cos seus fillos e, se o prefiren, levalos eles mesmos de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.

O programa Exploradores de Terras do Miño continuarán os dous seguintes sábados de maio: o 19 para os cativos da Chaira e Lugo, e o 26, para os da Mariña. As prazas para estas dúas últimas excursións xa están cubertas, o que pon de manifesto o gran interese que suscitou a iniciativa da Deputación entre os pais e os propios centros escolares.

Nas viaxes, dun día de duración, os cativos coñecen a fauna e a flora da Reserva da Biosfera Terras do Miño e a importancia da auga nela (fontes, cascadas...); ademais dos recursos etnográficos (muíños, batáns...) e incluso lendas típicas da zona. Tamén se lles dan nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema. Para elo, realizan diversos xogos e actividades, tipo xincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomarán imaxes e coñecerán os recursos da Reserva. Cada un dos pequenos exploradores elaborará un caderno coas actividades e as fotos que faga nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org

Convenio co Ministerio de Medio Ambiente

A Deputación continua co programa Exploradores de Terras do Miño a súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, da que formou parte tamén a terceira Gala Lvcvs Moda e varias conferencias, obradoiros e exposicións, xa celebrados, que xiraron en torno á riqueza deste entorno natural. As rutas didácticas foron incluídas á súa vez no convenio que o organismo provincial ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial.