Deputación de Lugo

Regina Polín participa na XVIII Feira dos Callos, Cantería e Artesanía de Parga, que financia a Deputación

Imaxe deputación de lugo
A institución provincial colabora coa Comunidade de Montes Veciñais desta localidade, achegando o 20% do orzamento necesario para a celebración do festexo Uns 20 profesionais elaboraron pezas de pedra que foron galardoadas e que agora formarán parte da exposición ó aire libre que dispón dito colectivo en Parga Os organizadores prepararon en torno ás 1.000 racións de callos, repartidas entre os visitantes a 4 euros con pan e viño incluído, e a 2 euros no caso de repetir

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou este domingo na XVIII edición da Feira dos Callos, Cantería e Artesanía de Parga, no Concello de Guitiriz, que organizou a Comunidade de Montes Veciñais de dita localidade chairega coa colaboración da Deputación. E é que esta iniciativa enmárcase dentro da aposta da institución provincial polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais, como sinais de identidade e atractivo da provincia que xeran riqueza. Por este motivo, achegou o 20% do orzamento necesario para a súa celebración, con 3.000 euros.

Un certame de cantería, no que participaron 20 persoas, foi a primeira actividade desta festividade, que ten lugar dende o ano 1994. Os visitantes puideron ver en vivo o completo proceso de elaboración de novas esculturas. As mellores foron galardoadas e agora formarán parte da exposición ó aire libre de Parga. O organismo provincial, non só potencia a cantería con esta xornada, senón tamén financiando obradoiros formativos, prácticos e remunerados sobre o tratamento da pedra no que, ata o momento, participaron 20 persoas a custe cero. O 25% das mesmas xa está a traballar neste novo nicho de emprego na provincia.

Dende primeira hora da mañá a organización preparou 1.000 racións de callos, que se puideron degustar a 4 euros, con pan e viño incluído, e 2 euros en caso de repetir. Nesta edición tamén se deron cita artesáns da zona e doutros puntos de Galicia, que traballan sobre o coiro, madeira ou cantería, e que puxeron á venda as súas obras nos expositores situados no campo da feira de Parga.