Deputación de Lugo

600 persoas reservaron xa rutas do Km0 Fin de Semana, que arranca este sábado con actividades acuáticas en Ribadeo

24 socios do colectivo Xuvenalfoz estrearán a nova etapa do programa medioambiental, co que a Deputación quere abrir o abano de público participante e potenciar os beneficios económicos que ten para as PEMES e autónomos da provincia A modalidade Xtreme é a máis demandada para as catro fin de semanas de xullo, pois, ademais de actividades multiaventura na vila ribadense, haberá unha viaxe en helicóptero O Deputado de Cooperación recibiu este martes a un grupo da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, que viaxou ó Vicedo

Tan só seis días despois de que a Deputación anunciase a posta en marcha do Km0 Fin de Semana, xa hai preto de 600 persoas que teñen reservada unha ruta nesta nova modalidade do programa medioambiental, que o organismo lugués pon en marcha co obxectivo de abrir o abano de público participante e, deste xeito, potenciar os beneficios económicos que ten para as PEMES e autónomos da provincia. Deste xeito, coas 566 reservas feitas a día de hoxe, están cubertas todas as fins de semana deste mes de xullo, de setembro e de outubro (en agosto non hai programación).

24 socios do colectivo xuvenil Xuvenalfoz estrearán este sábado, 7 de xullo, o Km0 Fin de Semana, que arranca con actividades acuáticas en Ribadeo, precisamente o Concello máis demandado e que máis volume de negocio concentrou ata o momento. O grupo alfocense iniciará a xornada cun percorrido polas cetáreas de Rinlo e Illa Pancha e, tras comer no restaurante O Cabazo, gozará de diversas actividades acuáticas no porto deportivo da vila mariñana.

A modalidade Xtreme é a máis demandada para as catro fin de semanas de xullo, pois, ademais de actividades multiaventura en Ribadeo –solicitadas para este sábado e para o 28 de xullo-, haberá unha viaxe en helicóptero o día 21.

A Deputación decidiu poñer en marcha o Km0 Fin de Semana tras constatar, grazas a un exhaustivo balance elaborado por persoal da Deputación, os beneficios económicos que xera -1,5 millóns de euros de volume de negocio dende a súa posta en marcha hai tres anos e medio- e pola demanda das propias empresas colaboradoras, que a día de hoxe son preto de 250 PEMES e autónomos, que dan emprego directo a unhas 1.400 persoas. Para fomentala participación, o organismo provincial enviou información sobre a nova etapa de Km0 a 500 asociacións da provincia, sobre todo xuvenís e culturais.

Tres rutas pola semana

En canto á programación ordinaria da semana, seguirá habendo actividades os martes, mércores e xoves, aínda que unicamente unha ruta, non dúas como ata o momento. Deste xeito, nesta primeira semana de xullo 144 persoas desprazaranse á Mariña e á Ribeira Sacra. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ó primeiro grupo da semana, 48 integrantes da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde. O itinerario continuou cunha visita ás instalacións da Fundación TIC, dependente da Deputación, unha comida no restaurante Area Grande do Vicedo, e percorridos ó faro de Estaca de Bares, Illa Coelleira, á praia de Area e ó porto vicedense.

A zona de Amandi será o destino das outras dúas rutas da semana, solicitadas pola Asociación de Veciños de Triabá, de Castro de Rei, e da Unión Democrática de Pensionistas (UDP) de Lugo. No caso do colectivo de Castro de Rei, 48 persoas coñecerán mañá mércores a olería de Bonxe, farán unha ruta de sendeirismo hasta Pena do Castelo e logo darán un paseo en catamarán por Amandi. A comida terá lugar no restaurante A Cantina de Doade. Pola súa banda, 48 socios da UDP lucense desprazaranse o xoves ó mazo de Santa Comba, comerán no restaurante Casa Felisa de Doade, farán unha ruta de sendeirismo hasta Pena do Castelo e logo embarcarán no catamarán.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en http://www.deputacionlugo.org/ onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.