Deputación de Lugo

A Deputación arranca o proxecto pioneiro en España para a xeración de enerxía eléctrica coas traídas da auga

O Pleno aprobou a encomenda de xestión dos 28 municipios adheridos a esta iniciativa para que a institución provincial asuma a totalidade dos seus custes, facendo que sexa gratuíta para os ConcellosO Deputado mariñano, José Ramón Val Alonso, acusa ó PP de “antepoñer os intereses do partido” tras votar en contra de que a Xunta atenda ós veciños de Magazos á hora de definir a variante da VACA institución instá ós Gobernos do PP a dotar a Lugo de tren híbrido, a cumprir co Pacto do Obradoiro e a manter na rede transeuropea a Monforte malia a negativa do Partido Popular

A Deputación arranca o pioneiro proxecto en España para a xeración de enerxía mediante o aproveitamento das traídas de auga co obxectivo de aforrar nas facturas eléctricas dos Concellos. O Pleno aprobou este martes a encomenda de xestión dos 28 municipios adheridos a esta iniciativa para que a institución luguesa asuma todos os seus custes, facendo que sexa totalmente gratuíta para as entidades locais. PSOE e BNG votaron a favor desta inciativa mentres o PP se abstivo malia que máis do 50% dos Concellos sumados ó plan están gobernados por membros desta formación política, os cales algúns tamén son Deputados populares, participantes na votación.

Os Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó proxecto son: Baralla, Friol, Guntín, Barreiros, Palas de Rei, Abadín, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Corgo, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Riotorto, Sober, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, subliñou que “debemos repensar fórmulas innovadoras e alternativas económicas coma esta iniciativa para aforrar custes ás entidades locais”. O proxecto consiste na instalación dunha turbina á saída dos depósitos da auga, producindo enerxía sen que se precisen máis infraestruturas específicas e sen reducir o cauce dos ríos. Será cunha toma independente no tanque e conexión coa rede xeral, como un by pass, para garantir que, en caso de avería, non interrumpa o abastecemento. Este sistema permitirá, ademais, mellorar a calidade da auga ó osixenala.

Valiño avanzou que o primeiro paso deste plan será a realización dun estudo técnico, económico e xurídico. Esta primeira fase, que conta cun prazo de execución de 3 meses, determinará o número de traídas susceptibles de aproveitamento eléctrico, así como o de turbinas. Para elo, técnicos provinciais comprobarán se a potencia da agua é suficiente para que chegue ó depósito sen necesidade de elevala. Posteriormente, o organismo provincial adquirirá o material necesario mediante unha “contratación conxunta que potencia economías de escala e aforra custes”, remarcou o Deputado. Esta segunda fase terá unha duración de 9 meses.

En defensa dos veciños de Magazos

A sesión aprobou esixir á Xunta que non obvie as alegacións presentadas polos veciños de Magazos que e cumpra os prazos establecidos para o remate da Vía de Alta Capacidade, consensuada en 2006 e avalada por todos os cidadáns da localidade viveirense. A institución luguesa tamén acordou instar ó Executivo galego a rexeitar o estudo de impacto ambiental realizado por esta administración e a iniciar as actividades administrativas, xudiciais e políticas para modificar dito documento, tendo en conta as alegacións presentadas pola Deputación, o Concello e os veciños afectados. A que foi unha proposta do equipo de Goberno Provincial saíu adiante malia os votos en contra de todos os representantes do PP, grupo político que defendeu o actual trazado porque “son os técnicos os que mellor se adaptan ás necesidades”. A este respecto, o Deputado mariñano, José Ramón Val Alonso, destacou que “están a antepoñer os intereses do seu partido ós dos veciños, dividindo a Comarca en dous e retrasando a VAC. Hai 6 anos, si contabamos cun informe técnico acordado cos 3.000 cidadáns que hoxe respaldan as 72 alegacións presentadas contra o seu proxecto. Coa súa postura, demostran que o Partido Popular non consensua as súas medidas senón que as impoñen”.

Infraestruturas para Lugo

O Pleno acordou instar ó Goberno Central a cumprir os prazos fixados polo Ministerio de Fomento no 2010, garantindo a incorporación canto antes dun servizo de Alvia híbrido para a liña Ferrol-Coruña-Lugo-Monforte-Ponferrada; e axilizar os trámites para garantir a chegada do AVE a Galicia nos prazos establecidos no Pacto do Obradoiro. A Deputación tamén aprobou demandar ó Presidente da Xunta que cumpra o seu compromiso na época electoral de asumir a execución do treito de alta velocidade Ourense-Lugo para garantir a conexión directa da provincia con Madrid. Asi mesmo, o organismo provincial esixe ós Executivos do PP a realizar as xestións oportunas, coa consignación orzamentaria correspondente, co fin de garantir que Monforte sexa un dos principais nudos loxísiticos de Galicia na rede transeuropea de transporte. PSOE e BNG votaron a favor destas iniciativas que o PP rexeitou, asegurando que “José Blanco sobraba, grazas a Deus que xa non é Ministro. Deixen traballar á titular da carteira de Fomento para continuar na mesma liña de entendemento e colaboración coa provincia de Lugo”. Ó respecto, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que “non sei a que colaboración se refire cando Fomento non fixo nada en Lugo dende que o PP chegou ó Goberno Central”.