Deputación de Lugo

A Deputación potencia o sector primario con 300.000 euros en axudas para obras de mellora no rural.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases destas subvencións dirixidas a agrupacións de gandeiros ou de cidadáns, así como a asociacións de veciños, todas elas sen ánimo de lucroOs interesados poderán formular a súa solicitude dende o vindeiro luns e ata o 22 de agosto, descargando o formulario en www.inludes.org e www.deputacionlugo.org, ou ben acudindo ó INLUDESAs obras, dun máximo de 6.000 euros financiados ó 100% pola Deputación, consistirán en melloras nos accesos rurais e nas explotacións, no acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, na instalación de puntos de recollida de plásticos agrícolas ou na construción de curros para o gandoA Xunta de Goberno aproba a compra de 1.600 caixas de papel por 12.200 euros, aforrando un 67% e sumando unha rebaixa de gastos correntes superior ós 2,6 millóns de euros no que vai de ano

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres que o Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe as bases que rexen as axudas de 300.000 euros que concede a Deputación, a través do Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, para obras no rural. Martínez anunciou que dende o vindeiro luns e ata o 22 de agosto, é dicir, durante 15 días hábiles, agrupacións de gandeiros ou de cidadáns, así como asociacións de veciños, todos eles sen ánimo de lucro, poderán optar a unha axuda máxima de 6.000 euros, para a execución de melloras nos accesos rurais e nas explotacións gandeiras, o acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, a instalación de puntos para a recollida de plásticos agrícolas ou a construción de curros para o gando, entres outras actuacións.

A Deputación asumirá o 100% dos custes destes traballos. “Nesta ocasión, ó igual que fixemos co Plan de Comunidades Veciñais, liberamos ós gandeiros de gastos co fin de garantir a realización destes traballos, tendo en conta as dificultades económicas que pacede o sector agrogandeiro e a necesidade destas actuacións para combater a sangría demográfica do rural e a taxa de paro”, subliñou Martínez. Hai que ter en conta que na pasada convocatoria, a institución facíase cargo do 75% dos custes mentres que os beneficiados asumían o 25% restante.

Tanto as bases cos requisitos destas subvencións, como a documentación necesaria a entregar xunto co formulario para optar ás axudas, está a disposición dos interesados na sede do INLUDES, na Ronda da Muralla Nº140 –Lugo-. Tamén se poden descargar dende Internet, entrado nas páxinas web www.inludes.org ou www.deputacionlugo.org.

A institución axilizará a resolución desta subvención xa que as obras deberán estar finalizadas o 15 de novembro. O prazo da súa xustificación amplíase ata o 30 de novembro.

Tres obxectivos
O voceiro subliñou que estas axudas cumpren tres obxectivos:
1.- Impulsar o sector primario, “piar da nosa economía que está a atravesar grandes dificultades económicas”. Temos que ter en conta que o incremento incesante dos custes de produción obriga ó peche, por semana, dunhas 10 explotacións gandeiras en Galicia. Os sindicatos alertan do fin da actividade de 1.700 explotacións en Lugo de non poñer en marcha solucións de xeito inmediato. “Pola contra, Xunta e Goberno Central, administracións con plenas competencia no medio rural, agravan esta situación cos novos recortes de Rajoy, que apoia Feijóo”. A partires do 1 de setembro, os gandeiros, non só terán que asumir a alza do IVE como o resto de cidadáns, senón que tamén deberán afrontar a suba de servizos esenciais para o funcionamento dos seus negocios, tales como o de veterinarios, que pasa dunha taxa do 8% ó 21%, “converténdose un servizo de luxo”. Isto supón, que o impacto económico dos últimos recortes sexa tres veces maior no sector agrogandeiro porque terán que asumir, segundo os sindicatos, un gasto mínimo de 1.350 euro ó ano en impostos.

2.- Combater a taxa de paro, que en Lugo supera o 14%. A provincia conta con máis de 25.300 desempregados, é dicir, un 17,26% máis que en 2011. “Mentres Rajoy e Feijóo se converten nos emperadores da destrucción de emprego, esta Deputación, cun presuposto infinitamente menor ó dos Executivos de España e Galicia, pon en marcha políticas de actuación para crear traballo, como o Pacto Provincial polo Emprego, que busca a inserción laboral, de xeito gratuíto, de 500 lucenses; o Plan Integral, que formará, sen custe algún, a 900 persoas para a creación dunha ducia de novas empresas agropecuarias; ou estas subvencións coas que se executarán un mínimo de 50 obras, tendo en conta que son 300.000 euros e unha axuda máxima de 6.000 euros, para as que será necesario a contratación de decenas de persoas. Estas axudas contribúen a manter postos de traballo”, remarcou Martínez.

3.- Frear o despoboamento no rural. O éxodo do rural é constante. Por exemplo, a Fonsagrada, que hai un século era o séptimo municipio máis poboado de Lugo con 20.000 veciños, hoxe está á cola con 4.000. No 40% dos municipios lugueses hai moitos máis homes que mulleres e nenos, facendo perigar a existencia destes Concellos. Neste senso, o Deputado subliñou que “a falta de servizos públicos, tanto sanitarios como educativos, que vemos que Xunta e Goberno Central están a recortar, introducindo o repago de menciñas, rexeitando a construción, por parte doutras administracións como a Deputación, de novas residencias con centros de día, reducindo o número de médicos e docentes, pechando colexios, unificando clases………, está a incrementar o abandono do rural que, de non poñerlle freo e segundo o INE, fará que en 2020 contemos cun 7% menos de habitantes en Lugo, quedando zonas prácticamente baleiras, sobre todo na Montaña”. Por este motivo, estas subvencións buscan acondicionar servizos para mellorar a calidade de vida no rural.

Na pasada convocatoria, estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 Concellos, dando emprego a máis 300 persoas.

Máis de 2,6 millóns de euros aforrados
A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova medida de redución de gastos correntes para o aforro de custes, “que nos permitan poñer en marcha actuacións de impulso da economía e do emprego na provincia”, remarcou o voceiro. Trátase da contratación de 1.600 caixas de papel para as dependencias provinciais por valor de 12.260 euros. Hai que ter en conta que, co anterior prego, a institución adquiriu 825 caixas por 19.257 euros. “É dicir, axustando e negociando prezos, aforramos un 65% porque duplicamos a cantidade de papel comprada, reducindo en 12.544 euros o custe deste material”, remarcou. A rebaixa de gastos correntes “é un goteo constante nesta institución” xa que, no que vai de 2012, o Goberno Provincial aforro un total de 2.650.000 euros, reducindo gastos correntes.

Deste xeito, aínda o pasado venres, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de material de oficina, aforrando un 30% con respecto a 2011, ó reducir este custe en 22.400 euros; no Presuposto da Deputación para 2012, rebaixouse a partida de gastos correntes en 2,2 millóns de euros; coa reforma do contrato do subministro eléctrico nas dependencias provinciais, reduciuse a factura eléctrica nun 25%, aforrando 130.000 euros anuais; coa rebaixa dos gastos de telefonía nun 48%, acadouse outro aforro de 236.000 euros ó ano; reducíronse en 25.000 euros os custes de equipos multifunción, tales como fotocopiadoras ou impresoras, cun contrato de aluguer que evitou a compra deste material, así como os seus gastos de mantemento; ademais, substituíse o papel timbrado, que antes se encargaba a unha imprenta, por plantillas feitas polo persoal provincial, aforrando outros 20.000 euros.