Deputación de Lugo

As rutas de Km0 dinamizarán esta semana a actividade hostaleira e comercial de Ribadeo, Palas, Guntín, Cervantes, Guitiriz e Sober

Preto de 300 persoas, entre membros de asociacións e particulares, participarán nos seis itinerarios programados para esta semana A Deputada de Medio Ambiente recibiu hoxe a un grupo da asociación cultural Virxe do Camiño de Vilalba e a outros 48 veciños de Ribas de Sil, que fixeron os itinerarios As Catedrais, e Palas e Guntín, respectivamente

As seis rutas do programa Km0 da Deputación organizadas para esta semana dinamizarán a actividade hostaleira e comercial dos Concellos de Ribadeo, Palas de Rei, Guntín, Cervantes, Guitiriz e Sober, pois os preto de 300 participantes, entre membros de asociacións e particulares, pararán a repoñer forzas nos restaurantes e visitarán establecementos comerciais das localidades polas que discorrerán os itinerarios.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, recibiu este martes no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos ós dous primeiros grupos da semana: 48 membros da asociación cultural Virxe do Camiño de Vilalba, que fixeron a ruta As Catedrais, e outros 48 veciños do Concello de Ribas de Sil, que realizaron a de Palas e Guntín. O colectivo vilalbés, trala recepción no Pazo provincial, visitou o mazo de Santa Comba e, xa en Ribadeo, comeu no restaurante As Catedrais para percorrer pola tarde a praia do mesmo nome, declarada Monumento Natural, e o areal dos Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil. En canto ós veciños de Ribas de Sil, ó saír da Deputación, coñeceron a olería de Bonxe, o castelo de Pambre, Vilar de Donas, unha queixería e o Mosteiro de Ferreira de Pallares. A comida tivo lugar no restaurante Parada das Bestas, de Pidre.

Mañá mércores haberá outras dúas rutas: unha por Piornedo, que demandaron 48 membros do Club Cultural Valle Inclán de Lugo, e outra por Guitiriz, solicitada pola delegación lucense de ASPANANE (Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais) para 55 dos seus usuarios e familias. No primeiro caso, visitarán o Centro de Interpretación de Santa Isabel, comerán no hostal Piornedo e coñecerán a palloza do Sesto e o seu entorno, ademais da igrexa de Donís. No segundo caso, o grupo de ASPANANE achegarase ás instalacións da Fundación TIC, ós xardíns do balneario de Guitiriz e á súa fonte, ó reloxo analemático e á panadería La Esquina, farán a Ruta da Auga e comerán no restaurante La Casilla.

A programación desta terceira semana de xuño rematará o xoves con dous itinerarios por Sober, do que gozarán 48 compañeiros da promoción do 66 de Maxisterio de Lugo e outros 48 membros da Coral Polifónica de Palas de Rei. O primeiro grupo visitará o mazo de Santa Comba e comerá na bodega Ribeira Sacra para facer logo unha travesía pola zona de Amandi. O segundo grupo achegarase ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comerá no restaurante JM de Monforte e logo embargará tamén en catamarán para gozar dunha travesía por Amandi.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en http://www.deputacionlugo.org/ onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.