Deputación de Lugo

A Deputación aumenta en 5,3 millóns o investimento en cooperación e benestar social ó ter que suplir á Xunta

O Pleno, coa abstención do PP, incorpora remanentes ó Orzamento de 2012 para evitar que a grave situación económica dos Concellos e os “drásticos recortes do PP” fagan perigar a prestación de servizosCos votos a favor de PSOE e BNG, a institución luguesa insta ós Gobernos populares a suprimir os gastos adicionais que impuxeron este ano ós gandeiros e os novos recortes en educaciónO Partido Popular négase a demardalle á Xunta que colabore coa Deputación en “asuntos estratéxicos para provincia” mentres pide que o organismo provincial “copatrocine os negocios do PP cos bancos”

O Pleno da Corporación Provincial acordou este martes, coa abstención do PP, aumentar en 5.312.000 euros o investimento en cooperación cos Concellos e benestar social, unha decisión á que se ve obrigada a Deputación ó ter que suplir á Xunta para garantir a prestación de servizos ós veciños nos niveis de calidade e cantidade que veñen percibindo. Este incremento da inversión finánciase con cargo a remanentes de tesourería de anos anteriores, “froito dunha xestión eficaz e responsable”, e ten como obxectivo evitar que a grave situación económica pola que atravesan os Concellos, “agónica nalgúns casos”, e os “drásticos recortes do Goberno galego” fagan perigar a prestación de servizos, favorecendo ó mesmo tempo a dinamización da actividade económica e combatendo o desemprego e o despoboamento na provincia.

Dos 5,3 millóns de euros de aforros incorporados ó Orzamento de 2012 a través dun suplemento de crédito, 3 investiranse en potenciar a colaboración cos Concellos e con entidades sen ánimo de lucro -cunha inversión específica para a mellora e conservación de estradas provinciais e municipais- e os 2,3 restantes dedicaranse a benestar, turismo, cultura, deportes, ensino e mocidade. Estas cantidades repartiranse da seguinte maneira:

Reparación, mantemento e conservación de estradas e bens naturais, tanto de titularidade provincial, como municipal: 750.000 euros. Esta contía incorpórase á partida do Parque Móbil, co cal esta pasa a ser de 1,4 millóns.

Cooperación cos Concellos para a mellora e dotación de servizos e infraestruturas municipais que revertan na mellora da calidade de vida dos veciños e na dinamización da actividade económica dos municipios: 1.250.000 euros.

Colaboración con entidades sen ánimo de lucro para que o tecido asociativo da provincia poida manter a súa capacidade de actuación e fomentar actividades, en especial no ámbito das novas tecnoloxías: 1.000.000 euros.

Accións de benestar social, principalmente destinadas a paliar á supresión das achegas da Xunta para os servizos de axuda no fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes: 1.094.000 euros.

Accións para incentivar o gasto turístico, tendo en conta que este sector representa o 13% do PIB da provincia de Lugo: 651.000 euros.

Garantir a actividade de Concellos e colectivos sociais no ámbito da cultura, tendo en conta a decisión da Xunta de retirar axudas públicas ás entidades culturais sen ánimo de lucro e a redución de fondos que aplicou ós Concellos para realizar actos culturais: 339.000 euros.

Posibilitar a práctica deportiva de base como forma de socialización da poboación, tralos recortes da Administración económica que poñen en risco a propia existencia de boa parte do tecido deportivo da provincia: 188.000 euros

Achegar o ensino superior de calidade ao conxunto da cidadanía nun contexto de recorte das bolsas e de aumento das taxas universitarias: 25.000 euros.

Garantir servizos que ata o de agora viña desenvolvendo a Administración autonómica e reforzar a actuación da Deputación no ámbito da mocidade: 15.000 euros.

Remanentes por un total de 9,2 millóns de euros

Xunto a estes 5,3 millóns de euros de remanentes dedicados a cooperación e benestar, o Pleno acordou incorporar ós Orzamentos de 2012 outros 3,9 –sumando polo tanto en total 9,2 millóns-. Dita provisión de 3,9 millóns está destinada a abonar actuacións medioambientais xa realizadas na provincia a través dun convenio asinado no ano 2001 entre Deputación e Confederación Hidrográfica do Norte. A institución luguesa fai esta provisión orzamentaria para facer fronte ó pago ó non preverse que a entidade Augas de Galicia efectúe a achega que se comprometera a facer ó organismo provincial para cofinanciar ditas actuacións.

Esta incorporación de aforros por valor de 9,2 millóns ó Orzamento do presente ano súmase a xa acordada no Pleno do mes de marzo, no que, coa abstención dos populares, aprobouse anular unha operación de crédito de 4,5 millóns de euros, substituíndoa por remanentes acadados no exercicio 2011. Deste xeito, o Goberno provincial logrou manter os investimentos afectados pola citada operación, pero sen aumentar o endebedamento. Eses investimentos son o POS 2012 (1.781.983,11 euros) e parte do Proxecto de Conservación Integral da Rede Viaria Provincial (2.718.016,89 euros). García Porto lembrou que, grazas a unha xestión responsable e eficaz, a Deputación amortizou 27,2 millóns de euros de débeda entre os anos 2008 e 2011 e neste 2012 amortizará 4,6 millóns.

O PP en contra de suprimir gastos ós gandeiros

O Pleno aprobou, cos votos en contra do Partido Popular, instar ós Gobernos galego e estatal a derogar as medidas que ambos os dous executivos populares impuxeron ós gandeiros, incrementándolles os seus gastos no caso dos de Lugo en 73,5 millóns de euros en 2012. A sesión deulle o visto e prace a unha proposta do equipo de Goberno Provincial que, por un lado, esixe á Xunta a asumir ó 100% dos custes dos interese que supón o adianto das axudas da PAC. É a única medida contra a seca do Goberno galego. Basease no cobro dunhas subvencións que todos os anos concede a Unión Europea por anticipado. Para elo, o Executivo autonómico recurre a créditos bancarios con intereses do 6,25%. Desta porcentaxe, a administración galega só asume o 3,25% e o 3% restante obrígallo a aboar ó gandeiro. O resultado é que estas “axudas contra seca” conlevan máis gastos para estes profesionais que, por 1º vez, terán que pagar por unhas subvencións que xa son súas ó concederllas Bruselas anualmente. Os 15.290 gandeiros lugueses verán incrementado os seus custes en 1,5 millóns de euro -cantidade que representa o 3% dos intereses-. A maiores, co visto e prace a esta proposta, a Deputación demanda ó Executivo central a restablecer a redución dos módulos de cotización do IRPF para actividades agrícolas e gandeiras. Faino logo de que o Ministerio de Facenda o suprimise, aumentando os gastos nas explotacións ata os 4.000 euros, cifra que multiplicada polo número destes negocios na provincia supón un sobrecuste para os gandeiros lugueses de 72 millóns de euros.

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, salientou que “non é de xustiza, sendo un ano malo, perdir un esforzo adicional ós gandeiros máis aínda cando estamos a falar, supostamente, de axudas para o sector. Debe ser a Xunta quen asuma este sobrecuste. Os Gobernos do PP están a obrigar ás explotacións a pechar as súas portas”. Os populares defenderon, en primeiro lugar, a única medida contra a secta da Xunta, apuntando que “a seca é indudable que aconteceu pero chover choveu e solucionáronse moitos problemas. O Executivo autonómico negociou cos bancos, conseguindo uns intereses razonables. Ademais estas axudas son opcionais”. Ó respecto de que a Xunta asuma o 100% deste intereses, o PP non o apoio porque “non se pode sacar todo do mesmo peto. Nos aceptaríamos esta iniciativa se a Deputación copatrocina os intereses, asinando un convenio para asumir ó 50% dos mesmos”. José Fernández respostou, subliñando que “coma sempre bucan solucións doadas, botan balóns fóra e piden máis esforzos a outros. A Deputación está construir o 1º Centro de Recría Público público en España de gando vacún sen colaboración da Xunta ou a potenciar a raza rubia galega xunto con Acruga”.

“Aquí si son necesarios convenios ó 50%”

A Deputación insta á Xunta a cumprir con Lugo, asinando convenios de colaboración en “asuntos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico da provincia” como o Centro de Recría, a rede de residencias, a transferencia de estradas, a extensión da cobertura contraincendios no 100% do territorio lugués, o acceso á banda longa en todos os núcleos poboacionais e a ocupación do espazo público nos xardíns do Pazo de San Marcos para a colocación dun elevador. O Pleno aprobou demandarlle ó Executivo galego o inicio “inmediato” das negociacións e conversas necesarias para elo. Estas non se producen dende novembro de 2009, data do único encontro entre o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o seu homólogo no Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e no que abordaron “as necesidades da provincia”. Foi o único malia que Besteiro solicitou ata en 8 ocasións outra reunión para definir a colaboración sen obter resposta algunha. O voceiro socialista, Manuel Martínez, indicou que “Feijóo onde non goberna discrimina e mingunea. Aquí si son necesarios convenios ó 50% como ben piden vostedes para que asumamos os negocios do PP cos bancos. Pero vostedes prefiren facer acordos con entidades privadas”. E é que o Partido Popular votou en contra da proposta do equipo de Goberno lugués malia asegura que “sempre defendemos a cooperación e a coordinación entre administracións en temas importantes para a provincia. Por iso, pedimos modificar esta iniciativa por outra que diga que instamos á Xunta a que siga colaborando coa Deputación como fixo cos 8,1 millóns de euros para os parques de bombeiros”. A este respecto, Martínez preguntouse cal é a colaboración da Xunta cando a institución provincial asume en solitario o Centro de Recría con 12 millóns de euros e a rede de residencia con 15 millóns de euros. “Entendo que, ante a súa negativa, estes asuntos non son de importancia, haberíallo que preguntar, por exemplo, ó Alcalde de Castro de Rei. Hai que ter un pouco de memoria histórica xa que o Consorcio Provincial de Bombeiros e, polo tanto, a posta en marcha dos parque, é un proxecto impulsado por esta Deputación e a anterior Xunta, gobernada por PSOE e BNG”.

“Feijóo debe deixar de facer de Delegado do Goberno de España”

Aumentar os fondos para educación e negarse, rotundamente, a aplicar en Galicia os novos recortes nesta materia impostos polo Goberno Central. Son outras das demandas ó Goberno galego acordadas pola sesión logo de debatir unha proposta do equipo de Goberno Provincial, que contou cos votos a favor de PSOE e BNG. En contraposición, os populares lugueses apoiaron as medidas dos seus compañeiros na Xunta e no Executivo estatal, que supoñen un recorte educativo nos Orzamentos autonómicos para este ano de máis de 12 millóns de euros, cantidade que fai que Feijóo xa diminuise o investimento en educación en 425 millóns de euros dende que é Presidente do Goberno galego; o incremento da ratio de alumnos por aula e da xornada lectiva ós docentes; a eliminicación da posibilidade de ofrecer dúas modalidades de bacharelato nos centros; e o aumento das taxas universitarias ata máis do 50%. O voceiro provincial do BNG, Mario Outeiro, salientou que “a educación é un dereito, o ensino non é unha mercadería e a súa oferta e a calidade debe estar garantida para todos. Nembargantes, as medidas do PP dificultan o acceso educativo, diferenciando clases políticas. Feijóo debe deixar de facer de Delegado do Goberno de España, que xa o temos, dicindo non ós recortes e defendendo os intereses dos galegos”. O Partido Popular xustificou a súa postura, dicindo que “no contexto económico no que nos atopamos son necesarias estas medidas sobre as que non entendemos tanto rexeitamento”.

Non a supresión de xulgados

O Pleno deu conta da aprobación dunha declaración institucional proposta Besteiro para instar á Xunta de Galicia a intervir no proceso de modificación da Lei de Demarcación e Plan Xudicial que está a levar a cabo o Executivo Central e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). O Goberno Provincial esíxelle a Feijóo que defenda os criterios de distribución poboacional e de necesidade de proximidade, así como a anulación do incremento das taxas. PSOE e BNG rexeitan a supresión de demarcacións xudiciais en Lugo, pasando de 9 a 2, “ante as consecuencias irreversibles” que supón: máis gastos ós cidadáns, menos dereitos e servizos públicos, xustiza para ricos, destrucción de emprego e máis despoboamento.