Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta e Goberno Central reanudar as xestións para que Monforte se manteña na rede transeuropea de mercadorías

Besteiro avanza que o Pleno demandará ós Executivos do PP as xestións necesarias, coa consignación orzamentaria correspondente, para a construción da plataforma multimodal e o mantemento do tráfico de mercadorías na cidade do Cabe, tal como propuxo facer a UE con José Blanco en FomentoTras coñecerse que o anterior Ministro conseguía que a Comisión Europea incluíse Monforte no corredor ferroviario atlántico, o Goberno Central non adiantou avances sobre este proxecto que convertiría á provincia nun punto clave no transporte de mercadorías en Europa e crearía empregoA sesión plenaria esixirá ós populares retomar as obras do AVE que paralizaron, cumprir co Pacto do Obradoiro que asinaron e axilizar a posta en marcha do tren híbrido logo de discriminar Lugo, converténdoa na única capital galega sen este servicio, previsto nos plans do Ministerio con Blanco

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, adiantou hoxe que a institución provincial esixirá ós Executivos central e galego que reanuden os traballos iniciados polo anterior Ministro de Fomento, José Blanco, para que o municipio monfortino se manteña na rede europea de transporte. Farao no vindeiro Pleno, ó que o Goberno provincial levará unha proposta, instando ó PP a realizar as xestións necesarias, coa consignación presupostaria correspondente, co fin de converter a este Concello do sur lugués nun dos principais nós loxísticos de Galicia, ó formar parte do corredor atlántico de ferrocarril que unirá España con Portugal, tal e como contemplaba facer a Unión Europea con Blanco na carteira de Fomento.

En novembro de 2011, desvelábase que as xestións do anterior Ministro tiñan como froito que a Comisión Europea incluia Lugo, concretamente Monforte, na rede transeuropea de transporte. Contemplábase entón, a construción dunha plataforma multimodal na cidade do Cabe e o mantemento do tráfico de mercadorías a través do trazado Monforte-Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña, dotando tamén un acceso ó porto de Ferrol. Hoxe, co PP á fronte das principais administracións con competencia na materia, non hai avance algún sobre estes plans malia as súas vantaxes na provincia: emprego e competitividade empresarial.

E é que, establecendo dita base loxística no municipio monfortino e conectando o porto seco coa N-120 e co corredor Sarria-Nadela, traballos últimos de responsabilidade da Xunta, Monforte sería un punto clave na entrada e saída de mercadorías en Europa. Hai que ter en conta, ademais, que formar parte do corredor atlántico España-Portugal supón estar interconectado cos restantes corredores da rede europea (central, mediterráneo, cantábrico-mediterráneo e atlántico-mediterráneo). É dicir, crease unha gran malla conexa na que Lugo tería presenza, acadando un sistema de transporte eficiente e garantindo a cohesión territorial. Todo isto, leva aparello a creación de novos postos de traballo na provincia luguesa. Primeiro coa construción da plataforma multimodal e logo co valor engadido que conleva a mellora das comunicacións para o tecido empresarial, permitindo novos ingresos ou ampliacións e ata aperturas de novos negocios.

AVE, parado e sen prazo

Gómez Besteiro avanzou que na sesión plenaria do martes demandarán ós Executivos populares que retomen as obras da liña do AVE Ourense-Monforte-Lugo, uns traballos licitados e iniciados por José Blanco, pero paralizados polos Gobernos do PP malia que Feijóo se comprometeu ata asumilos dende a Xunta. O máis grave é que, actualmente, nin tan sequera hai fixada unha data para continuar con estas actuacións. Esta situación dista moita da anterior, cun Ministro de Fomento lugués que definiu, exactamente, os prazos e investimentos necesarios para que o AVE chegase a Galicia mediante o Pacto do Obradoiro, documento consensuado por Blanco e Feijóo, que establece o remate das actuacións en 2015. Asi mesmo, tamén é moi diferente a postura adoptada polo Presidente galego. Con Blanco, Feijóo esixía publicamente e a cotío o estrito cumprimento do Obradoiro, criticando retrasos de tan só unha semana. Hoxe, cos seus compañeiros de partido á fronte do Executivo Central e cunha Ministra de Fomento tamén galega, o mandatario autonómico espera pacientemente coñecer cal será a data que fixe unilateralmente Rajoy para o AVE galego. Con anterioridade, o Presidente estatal advertía que non estaría listo antes de 2018. Ante esta indefinición e falta de compromiso con Lugo, o Goberno provincial esixirá no Pleno ós Executivos do PP manter os prazos acordados co Obradoiro, rexeitando imposicións.

Sen tren híbrido

Logo de discrimar Lugo, sendo a única capital galega na que a pasada fin de semana o Goberno Central non puxo en marcha o tren híbrido Alvia S-730 cara Madrid, malia estar contemplado por Fomento cando Blanco era Ministro, a Deputación instará ó Executivo estatal a garantir a incorporación inmediata da provincia a este servizo. A decisión dos populares fixo que os lucenses teñan que seguir empregando o trenhotel para chegar a cidade madrileña, tardando 9 horas en facelo, mentres que os cidadáns de Santiago, Ourense e Pontevedra, incluso os da Coruña e Vigo, xa contan a diario polo menos con dous destes ferrocarrís, reducindo nunha hora este traxecto. Xunto á cidade luguesa, tamén Monforte seguirá estando a máis tempo de Madrid por ferrocarril que calquera outra urbe de Galicia. Pola contra, José Blanco tiña previsto que o tren híbrido comezase a funcionar en Lugo a mediados deste ano, facendo que a capital luguesa quedase conectada con Madrid en 6 horas e recortando en 3 horas os tempos de conexión actuais. Para elo, en xullo de 2010, o Ministro asinaba un contrato de transformación de 15 trenes S-130 en híbridos por un valor próximo ós 78 millóns de euros. Tan só un ano máis tarde xa se efectuaba a primeira proba en vía con pasaxeiros.

Obras canon

Besteiro e Rodríguez supervisaron a iluminación no paseo fluvial do Río Cabe que vén de realizar a Deputación, achegando para elo 70.000 euros con cargo ó canon. Trátase da derradeira obra deste Plan no que a institución luguesa investiu un total de 233.097 euros. O organismo provincial liquidou esta débeda histórica no municipio monfortino, que non contaba con sentenza favorable, coa realización das seguintes obras, acordadas co Rexedor: acondicionamento de diversos camiños municipais como o de Raimundo Patiño ou os da zona de Lodairo; humanización da rúa Otero Pedrayo; ademais das varias fases de actuación para a iluminación total do paseo peonil no Río Cabe.