Deputación de Lugo

A Deputación inicia a creación da 1ª Central de Compras na provincia de servizos municipais, aforrando custes ós Concellos

É un compromiso de Besteiro para racionalizar e optimizar os gastos públicos, contratada hoxe en Xunta de Goberno nun paquete de actuacións con 3,7 millóns de euros, cofinanciados pola UEAs restantes iniciativas adxudicadas supoñen a custe cero: Rede nos Consistorios, portais web municipais, asesoramento tecnolóxico continuo, máis trámites coa administración por Internet, incremento de empresas en losproductosdelugo ou formación especializada para veciños e PEMES

A Deputación inicia a creación da primeira Central de Compras na provincia para a contratación conxunta de servizos municipais, aforrando miles de custes ós Concellos. É un dos proxectos comprometidos polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para este mandato, co obxectivo de “xeneralizar os acordos marcos como fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público en obras, subministros e servizos”. A institución luguesa xa puxo en marcha un primeiro acordo marco para adquirir os subministros eléctricos necesarios nos 46 Concellos ós que, a custe cero, o organismo provincial está a realizar as auditorías enerxéticas. En cumprimento da palabra de Besteiro, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou un paquete de actuacións tecnolóxicas, enmarcadas no Innova-TE, na que se inclúe a creación desta Central de Compras.

Os proxectos acordados este venres pola sesión están dotados dun total de 3.704.617 euros, cofinanciados nun 70% por fondos comunitarios, supoñendo que 2,6 millóns de euros os achegue Bruxelas e a cantidade restante a Deputación. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, subliñou que estas iniciativas cumpren unha dobre finalidade: reducir os gastos correntes ós Concellos ó tempo que se dota e se melloran os servizos municipais ós cidadáns, así como facer máis competitivo o tecido empresarial lugués. O paquete de actuacións aprobado é o seguinte:

1.- Crear a 1ª Central de Compras na provincia. Con este sistema, a Deputación realizará adxudicacións conxuntas dos servizos municipais que demanden os Concellos, buscando a oferta máis vantaxosa e reducindo gastos correntes ás entidades locais. Por exemplo, na adquisición de material de oficina, equipamento informático, mobiliario ou subministros de obras, entre outros. “Sempre en función das peticións dos municipios”, aclarou García Porto.

2.- Continuar coa extensión da banda longa de calidade, concretamente, de 2 megas, con dependencia das condicións orográficas do territorio, ás Casas Consistoriais luguesas, logo de facelo en 47 coa primeira fase do Innova-TE.

3.- Facer novos portais web dos Concellos, mellorar e manter os 39 xa creados. Segundo os prezos do mercado, este servizo suponlle a cada entidade local un desembolso medio ó ano de 24.000 euros. Tendo en conta que son 49 os municipios adheridos de xeito voluntario ó programa tecnolóxico da Deputación, a institución provincial esta a aforrar ás arcas locais con esta prestación ó redor dun millón de euros anuais.

4.- Por a disposición dos municipios un Servizo de Asesoramento Tecnolóxico gratuíto e continuo, é dicir, as 24 horas dos 365 días, que colaborará coas entidades municipais na elaboración de pregos tecnolóxicos, supervisará contratacións tamén sobre esta materia, atenderá calquera incidencia ou dúbida sobre os trámites coa administracións electrónica ou ó respecto do funcionamento das páxinas web dos Concellos. Será un departamento con sede na Deputación co que tamén se poderá contactar, chamando ó número de teléfono 982-28-02-63.

5.- Incrementar os trámites coa administración por Internet. Farase en función das demandas do veciños e superanse os 154 procedementos habilitados na actualidade: inscripcións no padrón municipal, solicitudes de subvencións ou licencias de obras, así como pago de taxas…

6.- Incorporar novas empresas á 1º Plataforma de Comercio Electrónico de Lugo, losprodutosdelugo.com, a custe cero, incrementando os seus beneficios como, a día de hoxe, están a facer as 34 entidades luguesas xa adheridas coa á venda en Internet de 284 dos seus produtos.

7.- Formar gratis a cidadáns e PEMES, organizando no In Lugo cursos especializados en diferentes sectores, dende o agrogandeiro ata o de servizos, co fin de introducir as novas tecnoloxías e dar conta das súas vantaxes. Celebraranse accións formativas sobre innovadores produtos tecnolóxicos para, por exemplo, mellorar o benestar social da terceira idade, un sector que representa o 33,7% da poboación da provincia, ou para que as pequenas e medias empresas, “piar da nosa economía”, gañen competitividade. 1.000 persoas, dende nenos ata maiores, participaron nos máis de 100 cursos celebrados na 1º fase deste proxecto. Precisamente, para a posta en marcha de ditos cursos tecnolóxicos no In Lugo, a Xunta de Goberno tamén acordou iniciar a encomenda de xestión do que é o 1º Centro de Innovación Social en Galicia á Fundación TIC. O vicevoceira explicou que xa se levou o In Lugo á segunda pranta da Escola de Imaxe e Son, na rúa Plácido Rei Lemos da capital, “porque consideramos que era o mellor lugar, ó tratarse dun proxecto estreitamente ligado ás novas tecnoloxías e á innovación. Agora, aproveitando sinerxias e os recursos da EIS, o In Lugo será xestionado directamente pola TIC e non pola Deputación, tamén con fondos da Unión Europea”.

“Herdanzas do PP”

García Porto subliñou que “en herdanza da mala xestión do Partido Popular na provincia que contrataba actuacións sen orzamento e sen terreos, a Deputación vese na obriga de pagar case 77.000 euros en xuros pola demora no pago das expropiacións previas e imprescindibles á execución de obras”. No 2003, os populares realizaron traballos de recuperación e conservación do hábitat nas Insuas do Miño e Lagoas de Begonte, no Concello de Rábade, sen chegar a un acordo cos propietarios dos terreos. Por este motivo, o caso levouse ó Tribunal Superior de Xustiza, que dictou sentenza este ano, ordeando, en primeiro lugar, que a institución provincial aboase máis de 200.000 euros polos terreos. Na sentenza dada hoxe a coñecer á Xunta de Goberno, o TSX de Galicia dicta que a Deputación debe pagar agora, exactamente, 76.778 euros pola acumulación dos xuros. O vicevoceira remarcou que “este equipo de Goberno Provincial xa resolveu 71 proxectos de obras na rede viaria provincial, que o PP deixou contratadas malia non ter sen cartos nin terreos. Isto obrigounos a pagar millonarias indemnizacións para facer xustiza coas empresas e veciños ós que o Partido Popular enganou. O Xurado de Expropiacións de Galicia está a estudar a situación doutras 11 vías provinciais que os populares abandonaron na mesma situación”.

Outros acordos

A sesión tamén aprobou unha subvención de 11.000 euros á Universidade Internacional Menéndez Pelayo para a celebración das xornadas “Política e Sociedade: El VII Conde de Lemos, entre os días 12 e 14 de setembro, no Parador de Monforte de Lemos. “Trátase dunha oportunidade única para coñecer a figura deste galego universal, que chegou a ostentar o título de Virrei de Nápoles, e que xogou un papel fundamental como mecenas dos máis destacados artistas do Século de Ouro, coma Góngora, Cervantes ou Quevedo”, indicou García Porto. Todos os interesados nesta iniciativa poden formalizar a súa matrícula ata o 12 de agosto na páxina web da UIMP. O prezo é de 129 euros, agás para os alumnos das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo que gozan dun desconto do 50%. As xornadas, de 20 horas, terán recoñecemento académico coa concesión de créditos de libre configuración.

A Xunta de Goberno deu o visto e prace a outra axuda económica á Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, en Cospeito, por valor de 7.300 euros, para a colocación dunha estrutura de ferro no río Támoga e a limpeza da área recreativa do Porto.