Deputación de Lugo

A Deputación mellora accesos rurais en Castroverde, aforrando custes ó Concello e beneficiando a 1.000 veciños

Gómez Besteiro e Arias Fernández supervisaron as obras que executan hoxe as máquinas do Parque Móbil en Cobelas, Pereiramá e Espasante tras rematalas noutras 9 parroquias do municipioEste departamento provincial acondiciona 120 quilómetros de vías de carácter municipal, traballos que segundo os prezos do mercado poderían supor 120.000 euros que aforra ó Concello

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, supervisaron este mércores as obras que está a realizar a institución luguesa neste Concello. Son traballos de mellora en vías de carácter municipal, que están sendo executadas polo servizo do Parque Móbil do organismo provincial. Gómez Besteiro e Fernández Arias comprobaron as actuacións que o equipo de rego, composto por 3 vehículos (cisterna, gravilladora e compactadota), executan en Cobelas, Pereiramá e Espasante. Estas, xunto ás rematadas en días pasados noutras 9 parroquias do municipio, están a beneficiar ós 1.000 veciños da zona.

Os núcleos rurais onde xa remataron os traballos son: Riomol, Furís, Páramo, Frairía, Masoucos, Goi, Tordea, Pumarega e Cellán. En total, a Deputación bachea e acondiciona o firme duns 120 quilómetros de estradas locais, aforrando cartos ás arcas municipais. Segundo os prezos do mercado, estas melloras poderían supor 120.000 euros que, de non ser polo servizo que presta o Parque Móbil da institución provincial, terían que ser desembolsados polo Concello.

Estas actuacións enmárcanse dentro da aposta do organismo lugués pola máxima cooperación cos Concellos para reducir os seus custes, sobre todo neste momento de crise económica, e de mellorar os servizos ós veciños, facendo fronte ó despoboamento demográfico que padece o rural. Hai que ter en conta que, segundo o Institución Nacional de Estatística, Castroverde perdeu 100 habitantes no último ano, contando hoxe con 2.900 veciños. De cumprírense as previsións do INE e de non poñer en marcha solucións conxuntas tal e como vén reclamando a Deputación a outras administracións, este municipio minguará a súa poboación noutros 220 habitantes de aquí ó 2020.

Un servizo para todos os Concellos

A Deputación reorientou o Parque Móbil hai cinco anos, marcándose un claro obxectivo: ofrecer este servizo á totalidade dos Concellos lugueses co fin de reducir as súas cargas económicas e mellorar os servizos públicos ós cidadáns. Actualmente, as máquinas actúan durante todo o ano e segundo as necesidades en viais locais nos que, coa colaboración de traballadores locais, traballan ó longo de varios meses. Por este motivo, vanse desprazando por toda a provincia. Por exemplo, é a 1ª vez que executan melloras en Castroverde, actuacións que realizan tras finalizar as levadas a cabo este ano nos Concellos do Páramo, Xermade, Sober, Lourenzá ou Mondoñedo.