Deputación de Lugo

A Deputación leva aforrados 1 millón de euros ós Concellos no que vai de ano cos traballos das máquinas do Parque Móbil

A institución provincial arranxou con recursos propios 80 quilómetros de vías dos municipios do Páramo, O Corgo, Sober e O IncioHoxe comezaron as obras de mellora do firme da estrada que une Antas de Ulla e Chantada, ó seu paso por Olveda, que suporá un aforro de 50.000 euros para o ConcelloAs tarefas levadas a cabo nesta vía, a única que comunica directamente Antas e o municipio chantadino, dando servizo a máis de 11.000 veciños, quedarán rematadas esta mesma semana

A Deputación iniciou este luns os traballos de mellora do firme da estrada CP-1809, que comunica os Concellos de Antas de Ulla e Chantada, nun tramo de aproximadamente 1 quilómetro, ó seu paso pola parroquia ulloense de Olveda. Para estas obras, o organismo provincial desprazou un equipo formado por unha máquina estendedora e dous camións apisonadores, xunto cun equipo de oito operarios. En total, a Deputación inviste 50.000 euros no arranxo desta vía, cuxo firme se atopaba bastante deteriorado, aínda que as obras non puideron comezar con interioridade polas malas condicións meteorolóxicas.

As tarefas faranse nun tempo récord, xa que quedarán listas esta mesma semana, algo imprescindible tendo en conta o papel fundamental que nas comunicacións entre ambos termos municipais xoga esta vía por varios motivos, como o de ser a única que une de xeito directo ambas poboacións, empregada por vehículos particulares e varias rutas de transporte de viaxeiros en autobús, así como por ser unha estrada transitada a diario polos veciños desta zona, eminentemente agrícola, que fan uso dela especialmente nesta tempada de labores agrícolas. Son milleiros de veciños os que se verán beneficiados de xeito inmediato polas tarefas das máquinas da Deputación, tendo en conta que entre ambos Concellos suman máis de 11.000 habitantes, dos cales xa máis dun centenar son veciños da parroquia de Olveda.

Esta nova actuación súmase ás que a Deputación de Lugo leva rematado na provincia no que vai de ano. Son un total de 80 quilómetros de vías dos Concellos do Páramo, O Corgo, Sober e O Incio, nas que se efectuaron tarefas de acondicionamento con maquinaria e persoal especializado do Parque Móbil provincial, e que supoñen un desembolso, tendo en conta os prezos de mercado, de 1 millón de euros como mínimo, que os Concellos non se viron na obriga de facer. A comezos deste mes de xuño, a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou de feito un novo investimento de 483.000 euros no arranxo de vías de carácter estritamente municipal. Esta cantidade empregarase na compra de combustible e materiais para que as máquinas no Parque Móbil continúen outros dous anos a súa actividade en todos os Concellos da provincia.