Deputación de Lugo

A Deputación dota a Viveiro dun camión do lixo, aforrando custes e mellorando os servizos municipais

Lara Méndez fixo entrega do vehículo de recollida de lixo, financiado ó 100% pola Deputación de Lugo, que permitirá que finalmente se poida dar uso ós contedores soterrados O camión, de 290 cabalos de potencia e equipado con guindastre, permitirá baleirar as dúas primeiras das seis liñas de contedores soterrados coas que contará o casco históricoCoa posta en uso destes contedores de 3.000 litros de capacidade a recollida de residuos será máis eficaz, eliminaranse obstáculos nas vías e mellorará o atractivo turístico da localidade

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, fixo entrega ó Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, das chaves dun camión de recollida de residuos sólidos para dito municipio. Trátase dun vehículo financiado integramente pola institución provincial con 180.000 euros, dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos para aforrarlles custes e mellorar servizos municipais.

Durante o acto de entrega das chaves, que tivo lugar diante da Casa do Concello, Méndez quixo subliñar que “dende a Deputación mantemos moitas liñas de colaboración directa con todos os Concellos da provincia, encamiñadas á mellora da calidade de vida dos seus veciños; este é un paso máis para dar resposta a necesidades longamente demandadas polo viveirenses”. Con este camión, finalmente se poderá dar uso as dúas primeiras liñas de contedores soterrados dos que dispón Viveiro, ás que se sumarán proximamente outras catro, situadas no casco histórico do Concello. Ademais destes modernos contedores, dispostos para a recollida selectiva de papel, vidro, restos orgánicos e plásticos, e realizados con fondos do Plan E, tamén será posible reutilizar un contedor hidráulico feito pola Xunta e que debido ó nivel freático da localidade non era posible empregar por mor dos continuos asulagamentos que sufría.

O camión conta cunha capacidade de 16 m3, e unha potencia de 290 cabalos para mover as súas 18 toneladas de peso. Dotado de caixa recolectora-compactadora, sistemas de recollida traseiro e superior e guindastre, ten ademais a cualificación EURO V, a máxima distinción que concede a Unión Europea a aqueles vehículos respectuosos co medio ambiente. Deste xeito, a recollida de residuos urbanos de Viveiro será moito máis eficaz e efectiva, xa que fronte ós 800 litros de capacidade dos vellos contedores de superficie, estes que se comezarán a usar contan con 3.000 litros, ademais de contar coas vantaxes obvias de facilitar o tránsito de peóns e vehículos polas rúas do casco histórico, xa libres de obstáculos, así como de mellorar o aspecto da localidade.