Deputación de Lugo

Unha selección dos mellores analistas da política galega danse cita na Deputación para debater sobre o 21-O

Anxo Lugilde, Domingos Sampedro, José Luis Gómez e Xabier Blanco abordarán temas como o posible fin do tripartidismo tras os comicios galegos; a abstención como reflexo do desencanto popular; e a incidencia da crise e a política de Rajoy nesta cita coas urnasPreviamente, o xornalista Valentín Carrera presentará o seu novo libro: As Eleccións xerais do 20N na rede, un ebook do que é autor xunto a Yolanda del Campo e que analiza a irrupción das redes sociais na campaña das xerais

Unha selección dos mellores analistas da política galega daranse cita na tarde deste mércores no Salón de Actos da Deputación de Lugo para debater sobre o 21-O. A partir das 20:30 horas, Anxo Lugilde, columnista de El Progreso e La Vanguardia; Domingos Sampedro, o destacado cronista político de La Voz de Galicia; José Luis Gómez, exdirector de Xornal e pioneiro en prensa web e comentarista en TVE e outros medios; e Xabier Blanco, delegado en Santiago do diario La Región, abordarán temas como o posible fin do tripartidismo no Parlamento autonómico tras os comicios, a abstención como reflexo do desencanto popular e a incidencia da crise e as políticas de Rajoy na cita dos galegos coas urnas.

O xornalista e escritor Valentín Carrera moderará a mesa redonda, organizada polo organismo provincial baixo o título: “Eleccións galegas: O futuro do noso país”. Todos eles, cunha dilatada e prestixiosa traxectoria profesional, comparten ademais a súa participación en dúas tertulias de referencia do país: O Faladoiro e A Crónica, na Radio Galega.

Previamente a este debate, ás 20:00 horas, Valentín Carrera presentará o seu novo libro, As Eleccións xerais do 20N na rede: crónica e análise da campaña, un ebook do que é autor xunto a Yolanda del Campo e que analiza a irrupción das redes sociais nas últimas xerais. Trátase da continuación doutra obra anterior publicada hai un ano, Municipais 2011 en Galicia, ambas as dúas editadas en ebook por Edicións Lea. O titular da Corporación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidirá ámbolos dous actos -presentación do libro e debate-, que organiza a Deputación.

Aposta polas novas tecnoloxías e a Rede

Os autores de As Eleccións xerais do 20N na rede, Carrera e Del Campo, traballan como community managers e fan con este ebook unha decidida aposta polas novas tecnoloxías e a Rede. Yolanda del Campo, que actualmente desempeña o seu labor na Escola de Cine de La Habana, é licenciada en Publicidade e Comunicación Audiovisual, realizadora de TV (a súa última serie na TVG foi O fío do retrato) e artista multimedia.

Pola súa banda, Valentín Carrera é escritor e xornalista de longa experiencia, autor dunha ducia de libros (Riosil, premio Blanco Amor de Novela) e numerosas series de TV (dende As viaxeiras da luz a Doa a doa), ademais de blogueiro da actualidade política galega en @Tornarratos e colaborador de Galicia Confidencial e outros medios.

En canto ao ebook, pódese descargar na web de Edicións Lea, a través do seguinte enlace: http://lea.galiciamedia.com/index.php/catalog/product/view/id/288/s/as-eleccions-xerais-do-20n-na-rede-pdf/category/10

Trátase da segunda entrega dunha serie de catro análises electorais: o primeiro estivo dedicado ás eleccións municipais (maio 2011); este céntrase na campaña das xerais do 20 de novembro pasado; o terceiro abordará xustamente a campaña das autonómicas galegas que está quentando motores; e rematará a serie cun cuarto traballo dedicado, no seu momento, á presenza e participación galegas no Parlamento Europeo. Os autores explican que se trata de catro escalóns político-administrativos (municipal, autonómico, estatal e europeo) aos que podería engadirse un quinto sobre as pedanías, se non fose porque están en proceso de desaparición.

Dobre lectura: Crónica desenfada e detida análise

Segundo Carrera e Del Campo, as 200 páxinas do libro que agora se publica teñen unha dobre lectura: fan unha crónica subxectiva e desenfadada de como foi a campaña electoral das xerais nas catro provincias galegas e percorre, día a día, nunha detida análise, a fervenza de informacións na Rede, principalmente en Twitter e Facebook. Os xornalistas afirman que esta análise “é posiblemente a parte máis novidosa do ebook: en maio de 2011, coa explosión do famoso 15M, a campaña estreouse timidamente nas redes sociais e algúns candidatos aventuráronse a dar os seus primeiros pasos en Twitter e Facebook, con certo despiste. Apenas seis meses despois, no 20N, a campaña xa discorreu pola rede dun xeito fluído e case principal, deixando atrás outros medios de comunicación”.

Para os autores, todo fai prever que nas eleccións autonómicas do 21 de outubro as redes sociais e os medios online “van ter un papel preponderante e decisivo, toda vez que os recursos económicos son escasos, as campañas terán orzamentos reducidos e as redes permiten, especialmente aos grupos novos ou pequenos, facer a súa guerrilla informativa cun custe económico moi baixo”.