Deputación de Lugo

O XXIV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita reunirá a unhas 200 reses este domingo

O Deputado de Economía Rural e do Mar, e o Alcalde de Pedrafita presentaron a nova edición desta cita, que impulsa a economía deste municipio e dos limítrofes polo gran número de visitantes que acoden e as transaccións económicas rexistradasHaberá unha poxa de ACRUGA e un concurso no que se repartirán máis de 3.000 euros en metálico para os animais de raza Rubia Galega e Asturiana vencedores en diferentes categorías

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, e o Alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, presentaron este mércores unha nova edición do tradicional Certame-Exposición de Gando Vacún, que se celebrará o vindeiro domingo, día 16, na localidade e que este ano chega á súa 24ª edición. José Fernández subliñou que, “máis aló do seu carácter festivo, esta feira atrae a centos de persoas e rexistra importantes transaccións, o que revitaliza a economía do municipio e dos localidades limítrofes. Todos os negocios da zona se ven favorecidos”. O Deputado provincial destacou así mesmo a necesidade de “comprometerse con todas as iniciativas económicas que consigan mellorar a situación agónica na que se atopa o rural, cunha dramática perda de poboación”.

A influencia deste evento queda ratificada pola súa continuidade tras 24 anos e polo seu poder de convocatoria na Montaña Lucense, pois reúne a unhas 200 cabezas de gando todos os anos. O Alcalde de Pedrafita destacou que a celebración desta feira “fai que no noso Concello conflúan veciños e visitantes procedentes de Galicia, Asturias ou León, que aumentan o consumo nos negocios locais. O balance, ano tras ano, é positivo”.

Máis de 3.000 euros en premios

O Concello destina un total de 3.130 euros para premios en metálico no XXIV Certame-Exposición de Gando Vacún, que serán entregados, xunto cos correspondentes trofeos, ós propietarios dos animais vencedores nas categorías do concurso. Reses, tanto de raza Rubia Galega, como Asturiana, poderán tomar parte no certame, no que se valorará a conformación morfolóxica e o potencial de carne e reprodución dos animais. Haberá premios ós mellores touros, vacas, xatos e xatas, cunha categoría especial para os exemplares destinados á produción cárnica, así como ó mellor lote de Rubia Galega, ó de raza Asturiana e para a gandeiría que máis animais presente.

Para elo, os gandeiros interesados en participar -que contarán cunha axuda de 20 euros por animal (ata un máximo de 10) para sufragar gastos de transporte- poderán inscribir ós seus animais, debidamente saneados, por teléfono ata o vindeiro venres, día 14, ou ata as 10:00 horas do propio domingo, se optan por facelo de forma presencial.

Poxa de animais de ACRUGA

Un dos actos máis destacados e vistosos do certame será a poxa de animais que presentará ACRUGA. Trátase de xovencas e xatas preñadas, inscritas no Libro Xenealóxico da Raza. Como todos os exemplares da asociación, estas caracterízanse, non só polo súa impoñente morfoloxía, senón por posuír unha alta calidade xenética e reprodutiva. De feito, cando estas reses acoden a poxas sempre acadan comprador e elevadas cotizacións: o pasado ano, o prezo medio destes animais foi de 1.945 euros, chegando mesmo a superar os 2.255 euros no caso da poxa celebrada o pasado mes de marzo nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo.