Deputación de Lugo

Inscritas 200 persoas en só 4 días nos cursos gratuítos de novas tecnoloxías que ofrece a Deputación

As xornadas máis demandadas da nova programación formativa do Centro de Innovación Social, que arrancou este luns en Lugo e A Fonsagrada, son as relacionadas coas posibilidades das TIC para crear ou potenciar unha empresa, e coa busca de empregoA inscrición pode facerse chamando ó 982-22-51-86, na web www.deputacionlugo.org ou nas instalacións do centro, na rúa Frei Prácido Rei Lemos

Preto de 200 persoas anotáronse en tan só 4 días nos cursos gratuítos organizados pola Deputación de Lugo, a través do Centro de Innovación Social, para mostrar ós veciños da provincia como sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio. As xornadas máis demandas son as relacionadas coas posibilidades das TIC para crear ou potenciar unha empresa, e coa busca de emprego.

A nova programación formativa do Centro de Innovación Social, para a que se abriu a matrícula o pasado xoves, día 13, arrancou este luns en Lugo e A Fonsagrada. Os cursos iniciados son os seguintes:

Aulas do In Lugo na capital lucense: Enciclopedia Mundial, búscao na Rede, que se imparte de 16:30 a 19:30 horas e concluirá mañá; e Internet para persoas con discapacidade intelectual, que continuará hasta o día 21, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Casa da Cultura da Fonsagrada: Fácil e sinxelo, ordena as túas imaxes, música, libros... Crea a túa base de datos particular, de 16:00 a 18:00; e Emprego? Na web encontraralo, de 18:00 a 20:00 horas. Ambos rematan o mércores.

100 cursos para 1.500 persoas ata finais de ano

A oferta componse de 100 accións formativas gratuítas sobre novas tecnoloxías nas que poderán participar ata 1.500 persoas. Crear unha base de datos particular ou un blog; como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; fórmulas para encontrar emprego e empregados na Rede; a factura electrónica e a constitución telemática dunha empresa; como posicionarse nas redes sociais; e o manexo de internet para persoas con discapacidade intelectual son algunhas das temáticas ofrecidas e que, dado o seu forte compoñente práctico, servirán para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses, abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos.

O Plan Avanza, do Ministerio de Industria, cofinancia as xornadas, que se desenvolverán ata finais de ano, tanto nas dependencias do In Lugo, como en Concellos de toda a provincia. As persoas interesadas en participar poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación.

A cargo da Fundación TIC

O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 89% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 iniciou unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasou a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias.