A TIC contribúe á poñer en valor a elaboración tradicional do liño gravando demostracións do oficio e obradoiros en Vilalba
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, contribúe a poñer en valor a elaboración tradicional do liño coa gravación da IV Tasca Tradicional do Liño, unha cita de carácter cultural e etnográfico que organiza este sábado a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, do Concello de Vilalba. O encontro, que se celebrará no campo da festa da parroquia chairega, será recollido nun DVD que elaborarán profesionais da TIC coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual.
Esta iniciativa forma parte do convenio entre a TIC e a asociación, que se suma ás 120 organizacións e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia coas que está colaborar a Fundación. O obxectivo é dobre: por unha banda, difundir as actividades das mulleres rurais de Insua, centradas fundamentalmente na recuperación da elaboración tradicional do liño e, por outra, promover a formación práctica dos alumnos e ex alumnos da Escola para contribuír á súa inserción laboral.
Festa para recuperar un oficio esquecido
A Tasca organizada polas mulleres de Insua é unha viaxe ó pasado coa intención de recuperar un oficio esquecido en moitos lugares, dalo a coñecer e poñelo en valor. Para obter o fío de liño e deixalo preparado para tecer é necesario realizar unha trintena de pasos, que son os que amosarán unha ducia de mulleres na demostración que comezará ás 11:30 horas. Estará amenizada coas actuacións das pandereteiras de Entre Lusco e Fusco e do grupo de música tradicional Muxarega das Pontes.
Ás tres e media será a presentación e proxección do documental Liño, un acto no que participarán o profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Xesús Rodríguez, o presidente da asociación de veciños de Cabreiros, Xosé Manuel Felpeto, o membro de Muxarega, Miguel Ferreiro, o xornalista Baruk Domínguez e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu, Lourdes Otero.
Ás cinco e media, todos os interesados poderán participar no obradoiro de aprendizaxe da tasca e fiado do liño e da lá, e a festa rematará ás oito con queimada. Ademais, durante todo o día haberá demostracións doutros oficios tradicionais, unha exposición de traxes rexionais de diario e unha mostra de fotografías antigas sobre o liño pertencentes ó Instituto de Estudos Chairegos.
Cinco anos de vida
A Asociacion de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua naceu no ano 2007 e na actualidade conta con preto de 70 asociadas. As súas actividades xiran arredor do proceso tradicional do liño, xa que ademais da tasca, encárganse de sementar a planta no mes de abril e de apañala en xullo.