Deputación de Lugo

A Deputación acondicionará en Castroverde os accesos a 100 hectáreas de pastizais para reducir custes ós gandeiros

O Presidente, xunto ó Alcalde, avanzou que a institución provincial habilitará coas máquinas do Parque Móbil o paso a fincas en Furís, garantindo que os gandeiros desta zona conten por 1ª vez cuns accesos en perfectas condiciónsOs veciños de Furís, parroquia con 30 explotacións e máis de 1.000 cabezas de gando, acordaron hai tempo xuntar terreos para os que necesitan accesos co fin de rendabilizar o seu traballo ó diminuír os custes de produción

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castroverde, José María Arias, avanzaron este mércores que a institución provincial acondicionará os accesos a 100 hectáreas de pastizais na parroquia de Furís. Gómez Besteiro adiantou que o organismo provincial desprazará para elo a esta localidade as máquinas do Parque Móbil, garantindo que por 1ª vez os gandeiros da zona conten cuns accesos en perfectas condicións, permitíndolles reducir custes de produción ó rendabilizar mellor o seu traballo.

Furís ten unhas 30 explotacións gandeiras con máis de 1.000 cabezas de gando. É, polo tanto, unha das parroquia de Castroverde co maior número de negocios adicados a esta actividade. Ante a crise que está a atravesar o sector, os veciños desta localidade decidiron xuntar fincas para as que necesitaban os accesos que agora lle fará a Deputación, optimizando para elo recursos propios ó empregar as máquinas do Parque Móbil provincial.

Negueira de Muñiz

Por outra banda, o Presidente, acompañado polo Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, tamén participou hoxe na inauguración da Casa Consistorial deste municipio logo de pasar máis de 25 anos nos que non puido ser empregada debido o seu estado. O Concello, coa colaboración do anterior Goberno galego, rehabilitou e equipou o Consistorio, trasladando mentres tanto a sede municipal á antiga escola de Negueira.