Deputación de Lugo

A TIC apoia ó comercio lucense gravando o ambiente na rúa e nos establecementos participantes na 3ª Noite Aberta

Alumnos da Escola de Imaxe e Son distribuídos en 7 equipos participarán na gravación coa que se elaborará un DVD de promoción desta iniciativa impulsada por Deputación, Concello e Asociación de Autónomas A Fundación TIC mantén unha intensa colaboración coas Autónomas lucenses colaborando tamén na difusión doutros eventos impulsados por esta Asociación, como o Street Market ou a Feira Outlet Máis de 50 establecementos comerciais da cidade permanecerán abertos ata a medianoite ofrecendo espectáculos na rúa, agasallos e suculentos descontos

A Fundación TIC despregará un amplo equipo de profesionais polas rúas e establecementos comerciais da capital lucense que tomarán parte na 3ª Noite Aberta, evento organizado pola Asociación de Autónomas lucenses para impulsar a vida comercial da cidade. Con esta colaboración, a TIC apoia ós autónomos e comerciantes, sector estratéxico da economía lucense que está a atravesar tempos difíciles, dando cobertura ás coas súas cámaras ás numerosas actividades que se desenvolverán tanto no interior dos comercios participantes como nas rúas, así coma no photocall que se instalará na Praza Maior.

Alumnos da Escola de Imaxe e Son dos ciclos superiores en Realización e Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos participará en todo o proceso de gravación. Dirixidos por docentes e técnicos da TIC, os estudantes distribuíranse en 7 equipos compostos por un produtor; un realizador; un reporteiro; un técnico de son e tres operadores de cámara. Deste xeito, os alumnos poderán completar a súa formación con prácticas reais, introducíndose na realidade da profesión. Co material obtido, ó igual que ocorreu nas dúas edicións anteriores, elaborarase un DVD promocional que servirá de carta de presentación deste evento impulsado por Deputación, Concello e Asociación de Autónomas.

Colaboración coas Autónomas

A Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, vén colaborando coa Asociación de Autónomas de Lugo nesta iniciativa dende que se puxo andar hai tres anos. Pero este non é o único apoio a este colectivo, posto que a TIC ten participado noutros proxectos organizados polos comerciantes para dinamizar o pequeno comercio da cidade, como a Feira Outlet ou o Street Market, celebrado por primeira vez en Lugo o pasado día 4 de setembro. Isto é posible grazas ó convenio de colaboración que a Fundación mantén con esta Asociación lucense para difundir o seu labor, ó tempo que serve de formación práctica dos estudantes da EIS para facilitarlles o acceso ó mundo laboral.

Noite con descontos e espectáculos

Máis de 50 establecementos do centro da cidade, identificados cunha alfombra branca, tomarán parte na 3ª edición da Noite Aberta ampliando o seu horario ata a medianoite ofrecendo descontos, cátering, e ambientación musical con actuacións en directo. Ademais, na Praza Maior haberá un photocall a disposición dos asistentes que desexen fotografiarse. A velada arrincará ás 20:00 horas cun “chupinazo” dende o balcón do Concello, un desfile no que os modelos lucirán prendas dos establecementos participantes ó ritmo da música dun DJ e unha barra ofrecerá servizo de coctelería. Tamén animarán a noite de compras as demostracións de baile e espectáculos que se desenvolverán diante dos locais e nas rúas. Malia súa xuventude, a Noite Aberta xa é unha data sinalada na vida comercial da cidade.