Deputación de Lugo

A Fundación TIC grava a III Gala Benéfica de Unicef para elaborar un DVD que difunda a labor humanitaria da ONG

Imaxe deputación de lugo
Bolseiros e persoal técnico da TIC participaron na realización da gala cuxos fondos adícanse a Cumpredías, unha campaña en loita contra a desnutrición dos nenos A Fundación TIC mantén convenios de colaboración con outras 120 entidades sen ánimo de lucro da provincia co fin de apoialas e difundir o seu labor social

Bolseiros e persoal técnico da Fundación TIC gravaron hoxe a III Gala Benéfica de Unicef co fin de elaborar un DVD que difunda o labor desta ONG, ó tempo que participaron nas tarefas de realización desta iniciativa. A colaboración da TIC con UNICEF Lugo enmárcase nun convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades que ten por obxectivo promover a súa labor social. O organismo dependente da Deputación mantén convenios con outras 120 entidades sociais luguesas mediante os cales realiza traballos audiovisuais nos que sempre participan alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), mellorando a súa formación de cara a contribuír á inserción laboral.

A Gala Benéfica de Unicef Lugo tivo lugar no Círculo das Artes da cidade onde decenas de lucenses puideron gozar das distintas actuacións dos alumnos do Conservatorio de Música e Danza e colaborar, cos 5 euros que custou a entrada, cunha boa causa. Os fondos desta iniciativa son para axudar a un dos grupos máis vulnerables da sociedade: ós nenos. Hai que ter en conta que, nesta edición, os beneficios recadados destinaranse a Cumpredías. Trátase da campaña que pretende sensibilizar á sociedade coa loita contra a desnutrición no mundo, que afecta a uns 20 millóns de nenos. Cada 1,20 euros doados a esta causa permiten a investigación durante un día nun neno con desnutrición aguda grave, permitíndolles “cumprir días”, de aí o nome da campaña, explicou a Presidenta de Unicef en Lugo, Myriam Garabito.

A Gala, na que participaron 130 alumnos do Conservatorio, contou coa actuación do coro e a banda do conservatorio ademais dunha exhibición de danza na que se interpretaron pezas como o “Vals de Coppélia”, “Caos” ou “Move O vento”.