Deputación de Lugo

Deputación e Academia de Ciencias propoñerán no ciclo Luis Asorey actividades rendibles que fixen poboación en Terras do Miño

A Deputada de Medio Ambiente e o catedrático da USC Antonio Rigueiro presentaron a 23ª edición das xornadas, dedicadas ó 10º aniversario da Reserva. Haberá 7 conferencias no Salón de Actos de San Marcos entre os vindeiros días 19 e 28 Difundir os valores naturais da Reserva e como conservalos, e formular alternativas económicas que impulsen o desenvolvemento socioeconómico deste territorio son os obxectivos do congresoOs interesados en participar nas xornadas, que contan con 167 prazas, poden anotarse de xeito totalmente gratuíto presentando o correspondente formulario no Rexistro do INLUDES

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o catedrático da USC Antonio Rigueiro Rodríguez, membro da Real Academia Galega de Ciencias, presentaron este martes no Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, a 23ª edición do Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que este ano está dedicado ó 10º aniversario da Reserva Terras do Miño. A Academia de Ciencias, en colaboración co organismo provincial e a Universidade de Santiago de Compostela, organizan este congreso, que ten dous obxectivos: por un lado, difundir os valores da Reserva e como conservalos, e por outro, propoñer actividades rendibles que favorezan o desenvolvemento socioeconómico deste territorio e fixen poboación, respectando ó mesmo tempo o medio ambiente. Entre os vindeiros días 19 e 28 haberá 7 conferencias a cargo doutros tantos expertos, todas ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

“A Deputación de Lugo leva apoiando este congreso da Academia Galega de Ciencias dende o seu nacemento, no ano 1989, no marco da nosa aposta polo medio ambiente como a verdadeira oportunidade de desenvolvemento socioeconómico de Lugo, pero a nosa presenza este ano facíase imprescindible, xa que as xornadas están dedicadas ó buque insignia do patrimonio natural da nosa provincia: a Reserva Terras do Miño, que neste 2012, está de aniversario”, subliñou López Izquierdo.

A Deputada recalcou que, 10 anos despois de recibir o recoñecemento da UNESCO, “o compromiso da Deputación co impulso deste territorio mantense intacto. En todo este tempo, non soamente non baixamos os recursos económicos, senón que os incrementamos, grazas ós fondos que soubemos captar da Unión Europea. Os investimentos que levamos destinado a impulsar Terras do Miño e Os Ancares, a outra Reserva da Biosfera da que somos máximos responsables, e os que temos na actualidade en marcha suman uns 15 millóns de euros”.

Creación de emprego

Con estes recursos, o organismo provincial “creou e mantivo emprego nun dos principais xacementos de emprego da nosa provincia, como é a economía verde”, a delegada provincial de Medio Ambiente. Deste xeito, a través do programa Lug02, a principal ferramenta da Deputación para impulsalas Reservas: creáronse 420 empregos directos e indirectos, ademais de contribuír a manter outros 3.000 coas rutas de Km0; puxéronse en marcha empresas, como Agrodynamics, Alitraz, Iberiam Science e a cooperativa Ecoleite, todas vinculadas ó sector agropecuario; 72 empresas alimentarias e turísticas da Reserva Terras do Miño teñen as marcas LugoSabe e Lug02 da Deputación, coas que melloran o seu posicionamento no mercado e aumentan os beneficios; e 21 empresas deste territorio venden os seus produtos na plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com

Sinalización inmediata das Reservas

López Izquierdo recalcou que a Deputación segue traballando na potenciación das Reservas, “pensando tamén na avaliación que o ano que vén fará a UNESCO para manter a declaración de Terras do Miño”. Neste senso, avanzou unha das actuacións máis inmediatas: a sinalización das Reservas Terras do Miño e Os Ancares. O proxecto, dotado con 102.000 euros e que arrancará nos vindeiros días, consiste na colocación de 81 sinais nos lugares máis significativos das Reservas co fin de poñer en valor estes territorios e potenciar o turismo.

Agricultura, gandería e sector forestal

Pola súa banda, Antonio Rigueiro, quen agradeceu a colaboración da Deputación coa Real Academia Galega de Ciencias na organización destas xornadas, explicou que as actividades económicas que se propoñerán no congreso para mellorar o nivel de renda e fixar poboación en Terras do Miño “están vinculadas ó sector primario ligado á terra”, en concreto á gandería e á agricultura ecolóxica, e ó aproveitamento forestal sostible, precisamente os tres sectores que a Deputación potenciará coa Plan Integral Agropecuario Forestal, un proxecto cofinanciado nun 80% polos fondos FEDER da Unión Europea que ofrecerá a un mínimo de 900 lucenses formación especializada e gratuíta nestas actividades. Rigueiro tamén expresou o desexo da Academia de Ciencias de dedicar unha próxima edición do ciclo de conferencias á Reserva dos Ancares.

As sete conferencias

O Ciclo Luis Asorey, dedicado á memoria deste doutor, un prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi académico, secretario e Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias, inclúe as seguintes 7 conferencias:

Día 19: “Valoración de especies e hábitats para a zonificación de espazos protexidos”, a cargo de Pablo Ramil Rego, vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo.

Día 20: “Especies e hábitats de interese para a conservación na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, por María Inmaculada Romero Buján, profesora titular do departamento de Botánica da USC.

Día 21: “Valor de conservación e alternativas de xestión dos bosques da Reserva da Biosfera Terras do Miño”, que impartirá Manuel Antonio Rodríguez Guitián, doutor do departamento de Produción Vexetal da USC.

Día 22: “Agricultura e Gandería Ecolóxicas: alternativas de interese”, por María Belén Díaz Hernández, doutora do departamento de Produción Vexetal da USC.

Día 26: “Xestión forestal sostible na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, a cargo de Antonio Rigueiro.

Día 27: “Os fondos europeos como instrumento da Deputación de Lugo para o desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente”, que ofrecerá Pablo Rivera, director do departamento de Fondos Europeos do organismo provincial.

Día 28: Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia”, por Ricardo García-Borregón, Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

Participación gratuíta

A Real Academia Galega de Ciencias terá aberto ata este venres o prazo para anotarse no ciclo de conferencias, que ten 167 prazas. Os interesados deberán presentar o correspondente formulario de inscrición, totalmente gratuíta, no Rexistro do INLUDES. Polo momento, apuntáronse 40 persoas. A asistencia dá dereito a un crédito de libre configuración ós alumnos da Universidade de Santiago de Compostela. En calquera caso, as persoas que non se inscriban e queira participar, poden facelo, pois a asistencia é libre e gratuíta, sempre e cando non se supere o aforo do Salón de Actos da Deputación.