Deputación de Lugo

Un Salón de Actos do Pazo de San Marcos abarrotado de público acolleu a estrea da produción lucense Pecados

O acto contou coa presenza do Presidente e do elenco artístico e técnico da cinta, xunto con preto de 200 persoasA mediametraxe proxectouse ó mesmo tempo na Mostra de Cine de Monforte de Lemos e mañá na Semana Internacional de Cine de Gijón, festivais nos que está seleccionada para competir polos galardónsNa organización da estrea tamén participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son, algúns dos cales xa formaron parte do cadro técnico de realización e produción, reforzando a súa formación práctica de cara á súa futura inserción laboral

O Salón de Actos de San Marcos quedouse pequeno para acoller ó público que quixo ver en primicia a mediametraxe Pecados, unha produción lucense de Coolfilms, rodada en Vilalba e A Coruña. O filme parte dunha sanguenta historia real para artellar unha historia de suspense, dirixido por Luis Noriega e que contou cun equipo de profesionais do medio, tanto diante coma detrás das cámaras.

Durante a premiére, o Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que esta película é un reflexo “do bo cine que se está facendo en Lugo. Debemos estar orgullosos das producións de imaxe e son que se fan na provincia”. Con esta convicción, o organismo provincial vén apostando pola Escola de Imaxe e Son, “un centro de ensino público e coa matrícula gratuíta, excepto para os que repitan”, indicou o Presidente.

Pola súa banda, Jordi Santos, presidente de Coolfilms, agradeceu á Deputación que lle cedese para a estrea o Salón de Actos, que “cada vez que está quedando más pqueño para acoger este tipo de eventos. Ya no hay excusa para no tener un nuevo auditorio en Lugo porque seguro que lo íbamos a llenar”.

Luis Iglesia xera expectación

A estrea contou coa presenza do reparto da cinta, entre os que acaparou grande interese Luis Iglesia. Natural de Riotorto, o actor conta cunha ampla traxectoria en cine, teatro e televisión, medio no que está a triunfar actualmente co seu papel de protagonista da ficción da TVG Matalobos, ó igual que Saamira Gannay. Tamén estiveron presentes os actores Sergio Quintana, Paku Granxa, Chus Álvarez ou a presentadora Marta Doviro, que debutada deste xeito no mundo da interpretación.

Tras as intervencións iniciais, chegou o momento da proxección da mediametraxe, de 30 minutos de duración. O argumento parte da historia real dun matrimonio australiano, autores de varios crimes, dos que a muller logrou quedar impune. A historia de Pecados comeza nese momento, cando tres personaxes (unha xornalista, unha psicóloga e un policía) buscan xustiza pola súa conta.

Esta mesma tarde Pecados proxéctase nas pantallas de cine monfortinas, no transcurso da XII Mostra de Cine de Monforte de Lemos, que deu comezo o pasado luns. Este non é o único festival de cine no que esta produción lucense está seleccionada para competir polos galardóns. De feito, este sábado será a primeira vez que se proxecte fóra de Galicia, durante a 50ª Semana Internacional de Cine de Gijón, para a que foi seleccionada en competición oficial.

Participación de alumnos da EIS

O acto tamén contou coa participación de alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Deputación de Lugo, o único centro da provincia lucense que imparte estudos superiores no eido do audiovisual con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores. Algúns deles xa formaron parte do cadro de técnicos de realización e produción do filme. A máxima prioridade da TIC é que os seus alumnos teñan a posibilidade de facer prácticas reais con profesionais do sector audiovisual, co fin de acadar unha experiencia o máis ampla posible mentres completan a súa formación para facilitar a súa inserción no mundo laboral.