Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa na presentación do libro Conocimiento y razón práctica. Un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur

O Presidente asistiu ó acto que tivo lugar no Círculo das Artes xunto a Marcelino Agís Villaverde, autor da publicación, e outros expertos lucenses na figura do filósofo francés A obra achega ó lector ó pensamento de Paul Ricoeur baixo a óptica do seu esforzo por ofrecer unha filosofía práctica e adaptada á realidade do ser humano

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; o ex catedrático de Filosofía do Instituto lucense “Ánxel Fole” e ex Director Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Manuel Regueiro Tenreiro; o párroco da Igrexa de San Roque, José Pena Mouriz, e o propio autor, Marcelino Agís Villaverde, presentaron esta tarde no Círculo das Artes o libro Conocimiento y razón práctica. Un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur. É unha obra que fai un percorrido polo pensamento deste filósofo francés, que abarcou moi diferentes temas sempre dende as perspectivas do coñecemento e da dimensión práctica do ser humano.

Gómez Besteiro salientou que “é un privilexio poder compartir este tempo con intelectuais da categoría dos que hoxe me acompañan e ós que sempre é un pracer escoitar”. O Presidente destacou a trascedencia deste filósofo “figura fundamental para moitas manifestación do coñecemento e da espiritualidade do home”,

O autor

Marcelino Agís Villaverde fai en Conocimiento y razón práctica. Un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur un achegamento ó pensamento do filosófico francés, unha das figuras fundamentais do pensamento do século XX. Agís Villaverde, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, tivo a oportunidade de realizar estudos de posgrao en París e Chicago co propio Paul Ricoeur, quen dirixiu a súa tese doutoral. Tras exercer de profesor invitado en Universidades coma a de Peruggia (Italia), en Sao Paulo, Berlín, Coimbra ou Lisboa, actualmente é profesor na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, a mesma na que cursou os seus estudos e conseguiu o doutorado. Ademais diso, é frecuente colaborador en prensa -El Correo Gallego, Galicia Hoxe-, director da revista Agora- Papeles de Filosofía e Presidente da Sociedad Interuniversitaria de Filosofía.

É tamén autor de obras coma Mircea Eliade: una filosofía de lo sagrado, Historias de la Filosofía, Crónica viva del pensamiento gallego e Camiñantes: un itinerario filosófico

A figura de Paul Ricouer

Nacido en Francia no 1913, Ricoeur cursou estudos na Universidade de Rennes antes do seu traslado á Sorbona, onde se licenciou en Filosofía e onde recibiría unha decisiva influencia do destacado pensador Gabriel Marcel, e onde anos máis tarde ocuparía a cátedra de Filosofía Xeral.

Foi profesor na Universidade de Nanterre, nada co obxectivo de experimentar unha educación progresista, tarefa que se viu interrompida polas revoltas de maio do 68, durante as que os estudantes viron na figura de Ricoeur un títere da autoridade do goberno francés. É autor de numerosas obras, coma Tiempo y narración), Sí mismo como otro, La metáfora viva, La memoria, la historia, el olvido, Finitud y culpabilidad ou Caminos del reconocimiento.