Deputación de Lugo

A Deputación activa un Plan de Emerxencia nas vías provinciais da Montaña ante a alerta amarela por neve

A institución desprazou ás estradas en cotas superiores ós 800 metros un dispositivo de 32 operarios e 16 máquinas, que permanecerá en alerta toda a noiteO organismo provincial xa actuou en varias viais provinciais dos Concellos de Pedrafita, Cervantes, Courel e Becerreá

A Deputación activa un Plan de Emerxencia en todas as estradas provincias que se atopen en cotas superiores ós 800 metros, é dicir, nas vías situadas, principalmente, nos Concellos da Montaña luguesa, ante a alerta amarela por neve na zona. O organismo provincial desprazou un dispositivo composto por 32 operarios e 16 máquinas a Pedrafita, Courel, Cervantes e A Fonsagrada, que xa está a traballar e que permanecerá en alerta durante toda a noite. Ata o momento, a institución tivo que actuar nas CPs 4501 e 4504 (Pedrafita); 0702 (Cervantes); 1303 (Courel); e 0704 (Becerreá).

Tanto dito persoal como a maquinaria forma parte do Plan Invernal 2012-2013, que a Deputación puxo en marcha xa hai varias semanas na rede viaria provincial, a máis extensa de España superando os 4.000 quilómetros. Está integrado por un total de 102 traballadores e 54 vehículos, que se atopan distribuídos segundo as necesidades polas estradas de responsabilidade da institución luguesa, prestando servizo a toda a provincia.

A maiores, o organismo conta con 12 saleiros, situados en Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Estes están cheos con 360 toneladas de sal, 30 toneladas por silo. A institución ten a súa plena disposición outras 250 toneladas de sal por se fora necesario.