Deputación de Lugo

Unha conferencia de José de Cora pechará á mostra de Labajjo no CENTRAD, que esta semana amplía o horario de apertura ás tardes

Imaxe deputación de lugo
O xornalista e escritor José de Cora disertará acerca das “Pinturas con misterios a propósito de Labajjo”na conferencia que terá lugar na Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño este martes ás 20:00 horasDende hoxe e ata o vindeiro xoves, a mostra de Labajjo Grandío exhibida nesta Sala do Pavillón 4 do CENTRAD amplía o seu horario habitual -de 10:00 a 14:00 horas-, abrindo as súas portas de 17:00 a 21:00 horas

O xornalista e escritor José de Cora será o encargado de poñer un peche de luxo á mostra que ocupa, dende o pasado mes de outubro, a Sala de Exposicións do Pavillón 4 do CENTRAD. Unha mostra de Labajjo Grandío que recolle 19 das máis representativas obras deste artista lucense e que vén recibindo unha magnífica acollida por parte de lucenses e visitantes, o que merecía un peche de altura. Este peche virá da man do xornalista e escritor José de Cora, que compartirá os seus coñecementos sobre a pintura de Labajjo e a “mistérica” tradición da provincia de Lugo na conferencia que ofrecerá este martes, ás 20:00 horas, e que terá coma escenario esta mesma Sala de Exposicións.

Co suxerente título de “Pinturas con misterios a propósito de Labajjo”, de Cora fará un percorrido por diversas historias de cadros saídos das mans de artistas coma Julia Minguillón, Sotomayor ou mesmo Picasso ou Rubens, todos con algún tipo de relación con Lugo, que agochan todo tipo de misterios. A entrada para asistir a esta conferencia é totalmente gratuíta e libre ata completar o aforo.

Ampliación de horarios de apertura

Tendo en conta o gran número de visitas recibidas, que xa superan amplamente as 400, e a demanda por parte de outras moitas persoas que solicitaron contar cun horario accesible polas tardes, os responsables do CENTRAD decidiron ampliar o horario de apertura habitual -de 10:00 a 14:00 horas-, ás tardes.

Deste xeito, todos os que desexen achegarse ata a Sala de Exposicións do CENTRAD, ubicado na Travesía da rúa Chantada da capital lucense, poderán facelo tamén entre as 17:00 e as 21:00 horas ata o vindeiro xoves 29, día no que se clausurará esta mostra.