Deputación de Lugo

45 pequenos artesáns reciben o diploma dos Obradoiros de Nadal ofrecidos pola Deputación

Remata así a programación de actividades para nenos organizada polo organismo provincial co fin de achegar a artesanía ós máis novos e contribuír a conciliar a vida laboral e familiar

45 nenos de entre 5 e 15 anos de idade recibiron este venres da man da Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, os diplomas que os acreditan como pequenos artesáns tras participar nos Obradoiros Infantís de Nadal organizados polo organismo provincial. Esta foi a segunda e última quenda de participantes nos talleres, mentres que a primeira, con outros 45 nenos, concluíu as actividades a semana pasada.

Nestes obradoiros, os nenos de 5 a 8 anos de idade elaboraron obxectos decorativos relacionados con esta época do ano utilizando materiais de refugallo, como envases, cartón e papel; os de entre 9 e 11 anos traballaron combinando materiais de orixe natural, como abeto ou liquen, con outros artificiais, como arame ou cinta adhesiva; e os rapaces de 11 a 15 anos fixeron pezas con siliconas, látex e escaiola.

A Deputación organiza estas actividades durante as épocas de vacacións escolares, como os meses de verán, a Semana Santa e o Nadal, co dobre obxectivo de facilitar ás familias lucenses a conciliación da vida laboral e familiar e achegar ós máis pequenos a artesanía e o deseño, actividades con un destacado peso e tradición na provincia de Lugo.