Deputación de Lugo

A Deputación axuda a conciliar traballo e familia cunha programación de actividades lúdicas para nenos durante o mes de decembro

Regina Polín presentou esta mañá as actividades da Deputación de Lugo no CENTRAD para as épocas de lecer escolar e que consistirán na celebración de 6 obradoiros gratuítos entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro e nos que 90 nenos aprenderán a realizar obxectos decorativos de Nadal con diferentes técnicas Outra posibilidade de ocio para os nenos serán as actividades de “exploradores” en plena natureza que comezan este xoves no Centro de Interpretación de Terras do Miño e coas que 150 nenos de 6 a 11 anos aprenderán dun xeito divertido a riqueza natural da provincia.As inscricións para os Obradoiros de Artesanía estará aberto dende este mércores ata o vindeiro día 21 de decembro, no rexistro do INLUDES. Para as actividades de “exploradores” o prazo xa está aberto e poderá formalizarse nos teléfonos 982254666 e 982260147

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta mañá a programación de Nadal dos obradoiros artesanais que organiza a Deputación de Lugo nas épocas de lecer escolar. Nesta ocasión son seis os obradoiros previstos, que se desenvolverán entre os días 26 de decembro e 4 de xaneiro nos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño da capital luguesa. Estarán dispoñi bles un total de 90 prazas, dirixidas a rapaces de entre 5 e 15 anos de toda a provincia.

Tal e como vén facendo a institución provincial dende hai xustamente un ano –os primeiros obradoiros programados foron os de Nadal 2011-, os rapaces da provincia poden pasar o seu tempo de vacacións escolares con actividades de ocio diferentes, mentres que as familias contan cunha alternativa máis para conciliar a vida familiar e o traballo.

Tal e como destacou Polín, este proxecto, que vén acompañado de éxito dende a súa primeira convocatoria “ofrece ós nenos lucenses a posibilidade de facer algo diferente, de tomar contacto con nenos doutros puntos da provincia e coñecer algo máis da súa tradición, ó tempo que bota unha man ós pais para que poidan ir a traballar sen ter a preocupación de con quen deixar ós seus fillos”

Obradoiros artesanais para 90 nenos

Os cursos están centrados en torno a tres temáticas diferentes: “Reciclaxe no Nadal”, “Coroas e centros de Nadal” e “Fabricación de moldes e produción de pezas”, se ben cada un destes contará con dúas edicións. A primeira celebrarase entre os días 26 e 28 de decembro e a segunda entre o 2 e os 4 de xaneiro.

Para a planificación e programación de cada un destes obradoiros tivéronse en conta as idades e capacidades dos nenos participantes, polo que cada un deles está especialmente indicado ás idades ás que se dirixen, se ben no caso dos rapaces con necesidades educativas especiais, Regina Polín salientou que “haberá flexibilidade en canto a idades de admisión e horarios, atendendo a cada caso en particular, para que todos os rapaces participantes aproveiten ó máximo estes obradoiros”.

En canto ó obradoiro de “Reciclaxe no Nadal”, está pensado en nenos de 5 a 8 anos e nel poderán elaborar diversos obxectos relacionados co nadal empregando materiais coma pintura, papel, envases de diferentes produtos, cartón, etc. No obradoiro dirixido a nenos de 9 a 11 anos, “Coroas e centros de Nadal”, estes confeccionarán ditos obxectos combinando materiais de orixe natural, coma abeto ou liquen, con outros artificiais coma arame, cinta adhesiva, lazos ou acivro artificial. “Fabricación de moldes e produción de pezas”, o terceiro destes obradoiros, que está deseñado para rapaces de 11 a 15 anos, con siliconas, látex, terracota ou escaiola para elaborar as pezas que imaxinen.

En total, o CENTRAD oferta 90 prazas, 15 por cada curso, das que un 15% están reservadas para nenos con necesidades especiais. O horario será o mesmo para todo os cursos: de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas co almorzo que traian da casa os que así o desexen. A mañá rematará con diferentes actividades de ocio dirixido e visitas ós obradoiros e exposicións dos Centro.

150 exploradores das Reservas da Biosfera

Outras das alternativas de ocio infantil postas en marcha pola Deputación para esta mesma semana son os “Obradoiros verdes” que se celebrarán en plena natureza e que permitirán a 150 rapaces da provincia, de 6 a 11 anos, gozar da natureza con variadas actividades didácticas coma excursións ou buscas de tesouros, pensadas para que os máis novos poidan coñecer dun xeito ameno a riqueza paisaxística, ecolóxica e cultural que ofrece a provincia, en especial naqueles territorios declarados Reservas da Biosfera.

Estes obradoiros celebraranse os días 6, 8 e 9 de decembro no Centro de Interpretación Terras do Miño, en horario de 11:00 a 14:30 horas.

Prazos de inscrición

Os pais que desexen anotar ós seus fillos nos Obradoiros Artesanais poden presentar o formulario de inscrición, que terán á súa disposición no Centro de Artesanía, no rexistro do INLUDES, no rexistro deste último dende mañá ata o día 21. Máis información na web www.deputacionlugo.org ou no teléfono 982 210 066. O criterio de admisión dos rapaces será o de rigorosa orde de inscrición e as solicitudes deberán ir acompañadas do xustificante de que os pais estean a traballar.

Pola contra, as familias que queiran inscribir ós rapaces nos “Obradoiros verdes” poderán facelo dende hoxe mesmo chamando ós teléfonos 982 254 666 e 982 260 147.