Deputación de Lugo

A Deputación gaña a demanda pola que a empresa Gazeley lle reclamaba case 4 millóns de indemnización

Nunha contundente sentencia, o Xulgado do Mercantil, non só lle nega o dereito a pedir tal cantidade por incumprimentos nas obras do polígono de Begonte, senón que estima que SUPLUSA lle deu facilidades á firma para poñer en marcha un negocio no parque industrialAnte o fallo xudicial, a Deputada de Economía esixe “desculpas públicas” ó PP por aproveitar a demanda de Gazeley “para acender o ventilador das insidias” e acusar ó Goberno provincial de “sectario e incumpridor”. “Púidolle a ilusión e agora debe rectificar”

A Deputación de Lugo gañou a demanda pola que a empresa Gazeley, filial dunha multinacional británica que pertence á súa vez a un grupo con sede en Dubai, lle reclamaba unha indemnización de case 4 millóns de euros por un suposto incumprimento na execución do polígono industrial de Begonte, situado na parroquia de Carral. Segundo informou este luns en rolda de prensa a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Xulgado do Mercantil acaba de ditar unha sentencia –notificada á Deputación o venres- na que desestima integramente a demanda de Gazeley e obriga á firma a pagar as costas do xuízo, co que non haberá ningún tipo de repercusión económica para a Deputación.

Gazeley comprou en 2008 unha parcela no parque empresarial de Begonte, onde construíu un centro de distribución de mercancías, que, posteriormente, arrendou a Centros Comerciais Carrefour S.A. Esta firma comercial estivo utilizando a mencionada nave ata o 28 de febreiro de 2012. Catro meses despois, como lles dicía, en xuño de 2012, Gazeley interpuxo unha demanda contra SUPLUSA na que lle esixía danos e perxuízos, alegando que o suposto incumprimento das obras do polígono lle provocara perdas económicas.

García Porto recalcou que a sentencia xudicial recén ditada “é clara e moi contundente”. A xuíza recolle tres argumentos fundamentais para tumbar a reclamación da empresa e negarlle o dereito a esixir tal indemnización:

PRIMEIRO.- O contrato de compra-venda da parcela do polígono de Begonte asinado en 2008 por Gazeley e SUPLUSA recolle unha cláusula na que, especificamente, a empresa renuncia a indemnización no caso de que se incumpra o prazo de execución das obras, un prazo que, en todo caso, se incluía no contrato só con mero carácter referencial e co obxectivo de facilitar as xestións de Gazeley con Carrefour.

SEGUNDO.- Na escritura de compra-venda da parcela asinada por Gazeley e SUPLUSA en 2009 recóllese, literalmente, que “a parte compradora –Gazeley- coñece e acepta o estado no que se atopan as obras de urbanización do polígono, inconclusas, e a entidade vendedora –SUPLUSA-, pola súa banda, comprométese a finalizalas totalmente e á súa costa”, sen establecerse ningún prazo en concreto para facelo. É dicir, co consenso de Gazeley, na escritura non se fixa ningún prazo para rematar as obras do polígono.

E TERCEIRO.- A xuíza estima probada a vontade de SUPLUSA de cumprir a súa obriga de terminar as obras de urbanización do polígono e de dotalo de subministro eléctrico por dúas razóns:

Por un lado, está acreditado documentalmente que, dende o ano 2005 -é dicir, aínda antes de que SUPLUSA lle vendera a parcela a Gazeley-, houbo contactos e conversas entre a Sociedade Urbanística Provincial e a compañía eléctrica BEGASA para dotar ó polígono de subministro eléctrico.

E, por outro lado, BEGASA confirmou tal extremo e deu fe no xuízo de que se estivo negociando o convenio de colaboración entre SUPLUSA e BEGASA co fin de encontrar a mellor solución dende o punto de vista técnico e económico; que o tempo de negociación foi normal, e que a solución máis viable finalmente foi unha liña de media tensión.

“Pero non só iso”, explicou Pilar García, ademais de non apreciar desidia, nin deixadez por parte de SUPLUSA, “a xuíza recoñece que a entidade provincial lle deu facilidades a Gazeley, permitíndolle que, antes da venda da parcela, puidese adiantar traballos de construción do seu centro de distribución de mercadorías, co que puido acabalo e entregalo a tempo en arrendamento a Carrefour”.

“É o momento de que o PP pida desculpas públicas”

A Deputada recalcou que o proceso xudicial de Gazeley “demostra, unha vez máis, que a Deputación de Lugo xestiona ben, e que sabe facer valer esta xestión e os seus dereitos ante intereses espurios ou especulativos. E faino, a pesar do PP. E digo, a pesar do PP porque, lonxe de manter unha actitude prudente, ó Partido Popular, coma sempre, faltoulle tempo para manipular e acender o ventilador das insidias aproveitando a demanda de Gazeley. Unha vez máis pasáronse de freada, púidolles a ilusión... Agora, é o momento de que rectifiquen e pidan desculpas públicas”.

Neste senso, García Porto indicou que, “fronte á seriedade e eficacia deste Goberno provincial, o PP púxose do lado doutros intereses, como xa nos ten acostumados: mira cara outro lado nas participacións preferentes; na reclamación das especialidades de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA; nos servizos sociais; no Plan de Obras e Servizos... e mentres, en cambio, perdoa ós defraudadores con unha amnistía fiscal. Nunca están co importante, nin coas necesidades dos veciños”.

A raíz da demanda de Gazeley, o Partido Popular acusou ó Goberno provincial de “sectario, partidista, mentiroso, incumpridor, de dar mala imaxe...” “O fallo xudicial que se vén de producir, e, sobre todo, a contundencia dos argumentos recollidos na sentencia, non deixan lugar a dúbidas de que as acusacións do PP se caen por si mesmas. Por iso, esiximos ó Partido Popular que se desculpe publicamente polas súas mentiras e ataques inxustificados e, recomendámoslle, para futuras ocasións, que faga uso da virtude da prudencia”, aseverou a Deputada.