Deputación de Lugo

A Deputación mellora servizos públicos en Friol con 200.000 euros do POS que tentou eliminar o Goberno Central

O Presidente, xunto ó Alcalde, avanza que a institución financiará ó 100% o aglomerado das rúas Deputación e Santa Isabel, o acondicionamento da vía de Lamas a Narla e as melloras nas vivendas sociais, asumindo traballos da Xunta co fin de rematar coas inundacións que sofren os veciñosGómez Besteiro adianta que o Pleno aprobará as obras municipais do POS, que superarán as 80 actuacións en todos os Concellos lugueses para as que a Deputación achega outros 950.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Friol, Antonio Muíña Pena, avanzou este mércores que a institución levará a cabo melloras en servizos públicos deste municipio por un valor superior ós 200.000 euros, que financia na súa totalidade ó incluír estes traballos nas actuacións de responsabilidade provincial do Plan de Obras e Servizos. Trátase do proxecto que tentou eliminar o Goberno Central, suprimindo a súa achega por primeira vez na historia da democracia, pero que mantivo a Deputación na provincia, tendo en conta o rexeitamento de todos os municipios lugueses á decisión do Executivo de Rajoy, así como a necesidade de executar o POS para reforzar as prestacións e combater o paro, facendo fronte ó despoboamento demográfico no rural lugués.

Os traballos que executará o organismo lugués en Friol son os seguintes: mellora do firme con aglomerado en quente da CP-2111, ó seu paso pola rúa Deputación, e da CP-2106, ó seu paso pola rúa Santa Isabel; acondicionamento de 5 quilómetro da vía de Lamas a Narla, moi transitada por vehículos pesados, principalmente, por maquinaria agrícola; colocación de bandas rugosas e pasos de peón fronte ás vivendas sociais, onde tamén se arranxará o sistema de drenaxe debido ás continuas inundacións na zona. Con estas últimas actuacións, a Deputación atende as demandas veciñais, asumindo uns traballos que debería realizar a Xunta de Galicia como administración responsable destes inmobles.

Este conxunto de obras forman parte das actuacións de responsabilidade provincial do POS, que contan cun orzamento total de 1.150.700 euros. Desta cantidade, 207.301 euros son para ditas actuacións no municipio friolés, mentres que 943.389 euros son para mellorar as comunicacións coa A-8 dende a Terra Cha, co arranxo da CP-0102 de Fontevella ó Carrizal, no Concello da Pastoriza.

Máis de 80 obras

Gómez Besteiro avanzou que o vindeiro mércores, 26 de decembro, a Deputación aprobará no Pleno as restantes obras do Plan de Obras e Servizos. Serán máis de 80 actuacións, que se levarán a cabo en todos os Concellos lugueses, financiadas ó 50% pola institución provincial e as entidades locais. A achega da Deputación será de 949.300 euros. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os municipios son os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de maneira que todos os Concellos reciban un mínimo de 10.000 euros. Para fixar esta cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. Os traballos consistirán na mellora de accesos a pequenas localidades, pavimentacións de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamento de redes de sumidoiros, instalacións culturais, centros sociais ou alumeados públicos.

2,1 millóns de euros

A Deputación acada, deste xeito, que o POS 2012 se execute en Lugo malia os recortes dende o Goberno Central. Para elo, foi necesario que a institución luguesa incrementase en 400.000 euros o seu investimento, pasando dos 1,7 millóns de euros que tiña presupostados no seu Orzamento para este ano “antes do repentino cambio de parecer de Rajoy”, ós 2,2 millóns de euros que en total achega agora.