Deputación de Lugo

Os 70 mozos beneficiarios das becas Leonardo da Deputación parten a Europa para formarse nos empregos con máis futuro

Tras recibir formación especializada en empresas europeas durante 3 meses, regresarán á provincia a primeiros de maio con máis posibilidades de insertarse no mundo laboral, ben por conta allea ou poñendo en marcha o seu propio negocioFronte ós recortes educativos dos Gobernos do PP, que ata poñen en perigo todo un referente como o programa Erasmus, o organismo lugués ofrecerá este ano 50 novas bolsas Leonardo da Vinci, coas que serán 200 as becas de distinto tipo que leva posto en marcha

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, despediu este xoves na estación de autobuses de Lugo ó primeiro grupo de mozos beneficiarios das bolsas Leonardo da Vinci convocadas pola Deputación que parte a Europa para recibir formación especializada nos empregos con máis futuro, como son os relacionados co medio ambiente, a agricultura, silvicultura, pesca, turismo e novas tecnoloxías. A primeira hora desta tarde marcharon os 16 rapaces que se formarán en Florencia e Viena, e pola noite sairán 23 rumbo a Belsfast e Praga. Mañá venres saen 10 hacia Corck; o sábado, 13 a Lisboa e Módena; e o 14 de febreiro, 3 a Hamburgo.

Tras formarse en empresas europeas durante un período de tres meses, os bolseiros regresarán á provincia a primeiros de maio con máis posibilidades de insertarse no mundo laboral, ben por conta allea, ou poñendo en marcha o seu propio negocio.

A Deputación de Lugo seguirá aumentando as bolsas de emprego para mozos titulados da provincia, pois, logo de que a UE lle renovase a súa confianza, ofrecerá neste ano 2013 un novo programa de 50 becas Leonardo da Vinci, coas que serán 200 bolsas de emprego de distinto tipo as que xa leva posto en marcha. Deste xeito, mentres o organismo provincial incrementa ano a ano as becas para os máis novos co fin de abrirlles novas oportunidades laborais, os recortes educativos de Rajoy e Feijóo estanas desmantelando, pois, ademais de endurecer os requisitos de acceso ás axudas, aplican recortes que, no caso das Erasmus, chegan ó 60%, o que pon en perigo a continuidade deste programa, todo un referente, que recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.

Fronte ós recortes do Goberno central e a Xunta en políticas activas de emprego e formación, o organismo provincial, aínda non tendo as competencias na materia, mantén o seu compromiso con estas políticas, pois considera que son un instrumento fundamental para loitar contra a alarmante taxa de desemprego xuvenil. Apenas nun ano os menores de 25 anos sen emprego subiron un 34% en Galicia, e na actualidade preto do 50% dos mozos galegos están no paro.