Deputación de Lugo

O CENTRAD acolle un concerto de música barroca de alumnos do Conservatorio Superior de Música da Coruña

Imaxe deputación de lugo
Será o peche dunha xornada na que realizarán unha visita didáctica á colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros da Deputación de Lugo, 30 alumnos de Grao Superior do Conservatorio coruñés interpretarán cinco cantatas de Johann Sebastian Bach O recital terá lugar o vindeiro día 19 de marzo ás 21:00 horas na Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño. A entrada é totalmente gratuíta e limitada ó aforo

A Deputación de Lugo acolle o vindeiro día 19 de marzo o recital que ofrecerán os alumnos de Grao Superior do Conservatorio Superior de Música da Coruña, dando deste xeito a oportunidade de amosar ós lucenses o seu talento. 30 destes alumnos interpretarán un variado repertorio de música barroca, entre o que se inclúen 5 cantatas do compositor alemán Johann Sebastian Bach, dirixidos pola batuta do músico profesional e profesor Abraham Cupeiro. Este tipo de composicións vocais soen ser interpretadas con instrumentos de vento e corda.

Estes 30 alumnos do Conservatorio coruñés ofrecerán este concerto coma peche da visita que farán á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros que a Deputación mantén en exposición permanente do Centro de Artesanía e Deseño. O interese desta é indubidable tanto para os músicos profesionais coma para o público en xeral. De feito, a Colección foi declarada Visitable pola Xunta de Galicia no ano 2008 e forma parte do Rexistro de Museos e Coleccións de Galicia (MUGA). Do mesmo xeito, e pola importancia e sona que este tan acadado fóra da Comunidade, o Ministerio de Cultura incluíuna no Directorio de Museos e Coleccións do Estado.

O concerto celebrarase na Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño, ubicada no pavillón central, a partires das 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta e o aforo estará unicamente limitado pola capacidade do recinto.