Deputación de Lugo

Abadín, A Fonsagrada e O Incio aforrarán 41.000 euros ó ano na factura eléctrica co equipamento que a Deputación lles instala gratis

A Xunta de Goberno aprobou a adquisición de 1.000 compoñentes para a mellora da eficiencia enerxética por valor de preto de 97.000 euros, material co que os tres Concellos conseguirán esta importante redución nos gastos correntes Outros 34 municipios lucenses obterán beneficios semellantes por terse adherido a un plan de aforro impulsado polo organismo provincial, a través do que, de balde, lles realiza auditorías e os dota de equipos técnicos para baixar o consumo eléctricoMartínez destacou que o programa da Deputación “é moito máis ambicioso cos da Xunta, pois mentres nós lles damos todo feito e gratis, a administración galega non lles financia as auditorías e os Concellos teñen que achegar o 30% dos equipamentos”

Os Concellos de Abadín, A Fonsagrada e O Incio aforrarán en conxunto preto de 41.000 euros ó ano na súa factura eléctrica cos equipamentos para a mellora da eficiencia enerxética que a Deputación de Lugo lles facilitará e instalará de maneira totalmente gratuíta. Segundo informou o voceiro provincial socialista, a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adquisición de dito material, un total de1.000 compoñentes, por valor de preto de 97.000 euros, que comezarán a colocarse a finais de maio e estarán en funcionamento un mes despois.

Xunto a Abadín, A Fonsagrada e O Incio, outros 34 municipios lucenses obterán beneficios semellantes por terse adherido á nova liña de cooperación impulsada polo organismo provincial para axudar ós Concellos a reducir o gasto enerxético en dependencias municipais, “tendo en conta que esta é unha das principais inquietudes das entidades locais e que a factura eléctrica supón unha gran carga económica para as súas arcas”. A Deputación ofreceu hai un ano este programa de aforro ós 47 Concellos que forman parte do denominado Club dos Renovables (que leva consigo outras iniciativas de aforro medioambiental) e finalmente sumáronse de xeito voluntario 37 municipios de todas as cores políticas.

O proxecto, a custe cero para os municipios, está financiado ó 80% por fondos europeos a través do programa Lug02, e consta de dúas partes:

- Unha primeira, xa completada, que consistiu na realización de auditorías nos 37 Concellos para determinar en que puntos e con que equipamentos se pode reducir o consumo enerxético en dependencias municipais. Asumindo o custe das auditorías, a Deputación aforrou 10.000 euros a cada entidade local, pois este é o prezo medio que teñen no mercado este tipo de traballos.

- A segunda fase, que comeza agora, consiste na dotación dos compoñentes de eficiencia enerxética que as auditorías determinan para rebaixar o gasto eléctrico. Para elo, a institución luguesa xa aprobou hai case un ano un acordo marco mediante o que pactou con 6 empresas a compra de materiais como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza, obtendo deste xeito prezos moito máis vantaxosos.

Manuel Martínez subliñou que os Concellos adheridos ó plan da Deputación “benefícianse de tres grandes vantaxes: aforran o gasto das auditorías; aforran o gasto dos equipamentos técnicos; e conseguen importantes aforros económicos na súa factura eléctrica”.

A instalación comeza en Abadín, A Fonsagrada e O Incio

Abadín, A Fonsagrada e O Incio son os tres Concellos nos que arrancan os traballos de instalación dos equipos, e progresivamente levaranse a cabo nos restantes municipios adheridos ó programa. Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou na sesión de hoxe a adquisición de 1.015 dispositivos para estes tres municipios por valor de 96.821,27 euros, aínda que, tendo en conta as vantaxes que reporta o acordo marco, o investimento final será con toda probabilidade menor.

Melloras no alumeado público exterior e interior

As melloras implantaranse principalmente no alumeado público exterior e no dun edificio de titularidade municipal, elixido polos propios Concellos. Colocaranse nos 3 Concellos un total de 975 lámpadas de baixo consumo; 6 reloxos astronómicos que serven para programar o acendido do alumeado de maneira automática; 4 descargadores trifásicos para evitar picos de tensión eléctrica; 1 redutor de fluxo lumínico e 29 válvulas termostáticas.

Desta forma, Abadín, A Fonsagrada e O Incio conseguirán en conxunto reducir o consumo en 285.000 quilovatios hora ó ano, o que supón un aforro económico anual estimado de preto de 41.000 euros, isto é, unha media de 13.600 euros por Concello, o que contribuirá a mellorar a súa situación financeira. Estas actuacións implican tamén importantes beneficios medioambientais, pois evitan a emisión de 105 toneladas de CO2 anuais, equivalentes ó gasto eléctrico anual de 83 familias; ó consumo anual de 423 barrís de petróleo, e á plantación de 5.286 árbores.

A Deputación, máis ambiciosa

O voceiro socialista do Goberno provincial subliñou a importancia do financiamento por parte da Deputación destas medidas de aforro, pois a factura eléctrica dun Concello medio da provincia, de 5.000 habitantes, é de arredor de 200.000 euros ó ano, o que supón unha gran carga económica. “Tamén hai que ter en conta que para un Concello é moi difícil asumir por si só o custe dunha auditoría enerxética, e a compra e instalación do material”, engadiu.

Así mesmo, destacou que o plan provincial é “moito máis ambicioso” que o doutras administracións, como a Xunta, pois, mentres no caso das iniciativas autonómicas “non se lles fan as auditorías gratis e os Concellos teñen que achegar o 30% do custe dos equipamentos, no plan da Deputación dámoslles todo feito e gratis: auditorías e dotación de dispositivos”.

Os 37 Concellos beneficiados

Os 37 Concellos pertencentes ó Club dos Renovables que se apuntaron voluntariamente o plan de aforro enerxético son os seguintes: O Incio, Quiroga, Negueira de Muñiz, Pol, A Pobra do Brollón, Cervantes, Baralla, Monterroso, Abadín, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Palas de Rei, Sober, Portomarín, Láncara, Xove, Barreiros, Navia de Suarna, Riotorto, Pedrafita, Guitiriz, A Pastoriza, Castroverde, Becerreá, Rábade, Ribas de Sil, A Fonsagrada, A Pontenova, Guntín, Friol, Meira, Sarria, Trabada, Samos, Monforte de Lemos e Viveiro.

Novas actividades medioambientais

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, contratar a organización de actividades lúdicas e didácticas sobre os recursos medioambientais da provincia, vinculadas coa aula móbil do barco Muralla de Lugo, unha iniciativa financiada nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02, coa que a Deputación difunde as posibilidades económicas que ten o medio ambiente na provincia.

A programación de actividades terá 6 meses de duración e constará de preto de 30 eventos diferentes, cunha duración media de dúas xornadas cada un, nas que se difundirá o patrimonio natural, cultural e etnográfico da provincia, en especial das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, e da comarca do Courel, en tódolos puntos nos que recale o Barco Muralla.

Posta en valor da finca de Tor

A sesión de hoxe da Xunta de Goberno deu luz verde á contratación dun servizo para o mantemento das 182 hectáreas de superficie da finca do Pazo de Tor, en Monforte, por valor de 42.800 euros e por un período de 1 ano, prorrogable a outro. O obxectivo é manter en perfectas condicións e poñer en valor este complexo con traballos de limpeza e coidado das instalacións, dos montes, e das zonas verdes e de ocio da finca de Tor.

Comunidades Veciñais

A Xunta de Goberno provincial aprobou ademais 8 contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais do 2012. Trátase de traballos de mellora e dotación de servizos e infraestruturas rurais por un valor total de 78.812 euros, acometidos en núcleos dos Concellos de Abadín, Castro de Rei, Antas de Ulla, O Incio, Lugo, A Pastoriza e Riotorto.