Deputación de Lugo

Os Obradoiros Infantís voltan ó CENTRAD en Semana Santa

Regina Polín presentou hoxe unha nova edición dos Obradoiros Infantís de Semana Santa que se desenvolverán do 25 ó 27 de marzo no Centro de Artesanía e DeseñoSon 3 obradoiros con 15 prazas, dirixidos a 45 nenos de 5 a 15 anos, nos que aprenderán a ilustrar as súas propias historias, construír instrumentos musicais e tornear madeira O prazo de inscrición para estas actividades gratuítas comeza hoxe e se prolongará ata o vindeiro día 20 de marzo. Máis información en www.deputacionlugo.org e no 982 210 066

A Deputada de Deseño e Artesanía presentou este martes as actividades que o CENTRAD ten programadas para os máis novos durante esta Semana Santa. Trátase dunha nova edición dos Obradoiros Infantís de Artesanía, que se celebrarán os días 25, 26 e 27 de marzo, e que continúan a perseguir o obxectivo de “dar a coñecer o noso patrimonio cultural a todos os lucenses. No caso dos máis novos, o mellor xeito de facelo e ofrecéndolles actividades que os divirtan. Do mesmo xeito, con estas actividades botámoslle unha man ás familias para conciliar a vida familiar e laboral”, tal e como subliñou Polín.

Nesta ocasión, cada un dos tres días nos que se desenvolverán estes Obradoiros estará centrado nunha actividade diferente: o deseño estará presente coa creación de contos e a artesanía coa elaboración de instrumentos musicais e o torneado de madeira. Trátase de 3 obradoiros con 15 prazas dispoñibles cada un deles e totalmente gratuítos, dirixidos a rapaces de entre 5 a 15 anos, que se desenvolverán nas instalacións do CENTRAD, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, os días 25, 26 e 27 de marzo. Cada un deles está pensado segundo as idades e capacidades dos rapaces participantes:

- Obradoiro “Contando un conto con imaxes”. Este curso está pensado para nenos de 5 a 8 anos, e nel poderán debuxar un álbum ilustrado, en formato libro, contando as historias que imaxinen, empregando xornais, revistas, e materiais de debuxo. Ó mesmo tempo descubrirán a orixe do papel a través da súa fabricación e a importancia do reciclaxe.

- Obradoiro “Caixa de música-Zanfona”. Neste caso, rapaces de 9 a 11 anos aprenderán a fabricar un instrumento musical con madeira, que posteriormente decorarán segundo os seus gustos. O derradeiro día e a xeito de peche da entrega de diplomas, os nenos ofrecerán un pequeno “concerto”.

- Obradoiro “Traballando a madeira”. Os rapaces de 11 a 15 anos, achegaranse ó oficio tradicional da madeira descubrindo as diferentes ferramentas e maquinarias que compoñen un obradoiro de madeira.

Coma novidade deste ano, o día 27 a partires das 12:00 horas, todos os nenos que asistiron ós cursos participarán nunha charla obradoiro na que a monitora -Noemí López, que actualmente expón as súas obras na sala do Pavillón 4 do CENTRAD-, empregará os mecanismos axeitados para á animación á lectura dende a linguaxe da ilustración de libros infantís e xuvenís.

45 prazas totalmente gratuítas

Cada un destes 3 cursos conta con 15 prazas. O 15% das prazas dispoñibles están reservadas a nenos con necesidades especiais. En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e se prolongarán ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais, Polín quixo lembrar que, coma sempre, haberá flexibilidade en canto a idades de admisión e horarios, para que todos poidan aproveitar ó máximo a experiencia.

As inscricións para estes obradoiros gratuítos pode facerse dende mañá ata o vindeiro día 20 de marzo no Rexistro Xeral da Deputación. As familias interesadas poderán atopar máis información, así como o modelo de solicitude de inscrición na páxina web www.deputacionlugo.org, chamando ó 982 21-00-66 ou ben directamente no Rexistro da entidade, onde deberán presentar dita solicitude cuberta xunto cun xustificante de que os cónxuxes están a traballar. As inscricións faránse por rigorosa orde de inscrición, aínda que terán preferencia aqueles rapaces cuxos proxenitores traballen e aqueles que quedaran fóra da convocatoria de Nadal.