Regina Polín entrega ó grupo teatral Os Baluros un DVD sobre a obra 'Vaise pechar unha casa máis', realizado pola Fundación TIC
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_7805_1.jpg)
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, fará entrega este domingo pola tarde, ás 16:00 horas, ó creador do grupo de teatro Os Baluros, o sacerdote Xosé Manuel Carballo, dun DVD que recolle a gravación íntegra da representación número 100 da obra Vaise pechar unha casa máis, a peza máis exitosa ata o momento desta agrupación de Castro de Rei.
O acto terá lugar no teleclub da vila chairega, durante unha nova posta en escena da peza teatral, que conta unha historia sobre a emigración. Bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), co apoio dos técnicos da TIC, gravaron e editaron este traballo audiovisual como parte das prácticas reais que lles ofrece o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
A obra teatral foi escrita hai máis de trina anos por Xulio Pita, coa colaboración de Xosé Manuel Carballo. A estrea tivo lugar no ano 1978, en Castro de Rei. Dende entón percorreron toda a xeografía galega e acudiron a representala a Madrid e Barcelona.
Prácticas reais para os alumnos
Bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da Fundación TIC, foron os encargados de gravar as imaxes da xornada e editar o material resultante, a modo de prácticas reais coas que os alumnos puideron aplicar os coñecementos adquiridos no centro de formación.
A EIS ten como un dos seus principais obxectivos complementar os coñecementos teóricos con numerosas prácticas, encamiñadas a favorecer a posterior integración dos alumnos no mercado de traballo. Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais.
A Escola oferta 44 prazas, 22 para cada un dos dous módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais, ademais de contar con matrícula gratuíta dende hai cinco anos, agás para os alumnos repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos, ó mesmo tempo que fomentar a cultura do esforzo.