Deputación de Lugo

A Deputación aproba abandonar o accionariado do Breogán

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou esta mañá a saída da Deputación do accionariado da SAD Breogán, feito que se formalizará segundo adiantou o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, ao longo dos meses de xullo e agosto, coincidindo co proceso de venda dos abonos de 2013-14, momento no que se procederá a enaxenar o paquete accionarial da Deputación como paso previo á doazón entre os abonados da SAD Breogán.

Antonio Veiga anunciou que se aprobou na Xunta de Goberno unha axuda excepcional de 205.000 euros coa finalidade de reequilibrar patrimonial e financeiramente as contas da entidade porque, tal e como indicou Veiga “o noso compromiso de saída do accionariado do Breogán vai acompañada da eliminación da débeda e, polo tanto, deixamos o club sen cargas”.

Veiga afirmou que “neste proceso, queremos deixar claro que o noso obxectivo é evitar a deslocalización do club e que o Breogán siga sendo dos e das lucenses. Por iso, o proceso contempla unha enaxenación das accións que son da Deputación, un requisito imprescindible para pasar un ben público a privado, momento no que un auditor valorará as accións segundo o prezo de mercado. Unha vez estabelecido o prezo, farase unha oferta pública coas condicións e limitacións precisas para evitar a deslocalización e que alguén poida facerse cunha parte importante. Logo as accións non enaxenadas pasarán a ser dadas en doazón aos abonados (50 accións por abono) respectando a preferencia de antigüidade (ser abonados da temporada anterior ou de antes) e respectando a orde de formalización de abonos da temporada 2013-14.

Segundo indicou Veiga “esta decisión responde á vontade de evitar a deslocalización do club, a impedir a concentración accionarial e, particularmente, a que o Breogán volva a ser propiedade dos afeccionados, isto é, dos homes e das mulleres que acompañan a equipa a cada partido no Pazo dos Deportes e tamén nos seus desprazamentos. O Breogán seguirá sendo de Lugo, porque é o que queremos todos”.