Deputación de Lugo

A Deputación cumpriu nun 97% os investimentos en obras e servizos contemplados no Orzamento de 2012

A Deputada de Economía cualifica de “nova metedura de pata monumental” as declaracións do Partido Popular nas que, utilizando “datos sesgados e manipulados”, critica o nivel de execución destas partidas orzamentarias O organismo lugués aplicou 62,2 millóns de euros o pasado ano á dotación e mellora de servizos e infraestruturas en tódolos Concellos da provincia con iniciativas como o Plan de Obras e Servizos, ó que o Goberno de Rajoy “deixou sen un euro” García Porto subliña que a entidade provincial está á cabeza das deputacións galegas en canto a execución orzamentaria, sendo ademais a que menos débeda financeira ten da comunidade autónoma e a quinta de toda España

A Deputación de Lugo cumpriu nun 97% os investimentos contemplados no Orzamento de 2012 para obras e servizos, segundo se pode comprobar nos informes oficiais do servizo de Intervención do organismo lugués. Deste xeito, a Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, cualificou este xoves de “nova metedura de pata monumental” as declaracións do Partido Popular nas que, “utilizando datos sesgados e manipulados”, criticou o nivel de execución orzamentaria do pasado exercicio.

“Non é ignorancia a actitude coa que está a actuar día tras día o grupo provincial do PP, é de mala fe”, subliñou García Porto, pois “dunha análise seria e rigorosa dos datos ofrecidos na comisión informativa sobre a conta xeral do Orzamento da Deputación conclúese que os investimentos que fixemos en 2012 para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas en tódolos Concellos da provincia ascenderon a 62,2 millóns de euros, cumprindo deste xeito coa aplicación do orzamentado nun 97%”. Entre as inversións levadas cabo, a Deputada destacou “iniciativas vitais para o desenvolvemento económico da provincia, en especial do noso rural, como o Plan de Comunidades Veciñais ou o Plan de Obras e Servizos, ó que, por certo, o Goberno de Rajoy deixou sen un euro e agora temos que soster Deputación e Concellos”.

Pilar García lembrou así mesmo que o lugués está á cabeza dos organismos provinciais de Galicia en canto a execución orzamentaria, sendo ademais o que menos débeda financeira ten da comunidade autónoma e a quinta de toda España, segundo datos oficiais do Ministerio de Facenda. “Xa lle gustaría á Xunta ter estes bos resultados económicos”, afirmou.

“Están rabiosos porque non gobernan na Deputación”, sinalou a delegada de Economía, quen recordou que este Goberno provincial “está a saldar, unha a unha, todas as débedas históricas que os populares deixaron cos lucenses, como fixemos estes mesmo martes no Pleno liquidando a débeda do canon hidroeléctrico de Chantada.

Incapaces de pedir desculpas polo caso Gazeley

Coas súas críticas á execución orzamentaria, engadiu Porto, o PP demostra unha vez máis a súa total “incompetencia e irresponsabilidade”, tal e como fixo no proceso xudicial da multinacional Gazeley contra a Deputación. “O Partido Popular, nun alarde de imprudencia e oportunismo, púxose do lado da empresa e dedicouse dende o primeiro momento a lanzar insidias contra o Goberno provincial, en vez de defender os intereses dos veciños de Lugo. Gañamos o proceso, ata en dúas ocasións, e non foron capaces de pedir desculpas públicas polas súas mentiras e ataques inxustificados. Seguimos esperando”, asegurou a Deputada.

Outras “mostras recentes da ineptitude” dos populares, engadiu, foron as súas críticas a obras financiadas pola Deputación, como a piscina de Sarria: “nin sequera se decataron de que a execución dos traballos de construción desta infraestrutura é responsabilidade do Concello”; ou o acondicionamento dunha estrada en Portomarín, a de Alto do Valiño a Valdeporrás, xa que, en contra do que dicía o PP, estas actuacións “están executadas, recibidas e certificadas”.

O PP non traballa

García Porto asegurou así mesmo que o Partido Popular “non traballa, incumprindo coa labor seria de fiscalización que ten encomendada como oposición e pola que están cobrando máis de 150.000 euros ó ano 5 dos seus deputados”. “O PP dedícase a plaxiar as nosas propostas de Goberno. Copiaron aquela na que pediamos o mantemento das áreas sanitarias da provincia, e no Pleno deste mesmo martes levaron unha proposta calcada a unha resolución da Xunta de Goberno na que se aprobaba a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil”, aseverou.