Deputación de Lugo

A Deputación celebra o luns un Pleno Extraordinario para aprobar o adianto excepcional ó CD Lugo, que devolverá integramente

Imaxe deputación de lugo
O Presidente e os voceiros de PSOE, BNG e PP mantiveron este xoves unha xuntanza previaA institución e o conxunto lugués asinaron hoxe o protocolo que garante a total devolución deste adianto e que será ratificado agora pola Asamblea do club deportivo

A Deputación celebrará o vindeiro luns, 20 de maio, un Pleno Extraordinario para aprobar o adianto excepcional ó Club Deportivo Lugo, que o conxunto lugués deberá devolver integramente á institución, para evitar o descenso automático do CD Lugo á Segunda División B da Liga de fútbol profesional e repercutindo no retorno económico da provincia.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os voceiros dos tres grupos políticos con representación na institución, Manuel Martínez polo PSde-PSOE, Mario Outeiro polo BNG, e Elena Candia polo PPdeG, celebraron hoxe un encontro previo á sesión.

Tamén este xoves, o organismo provincial e o club deportivo asinaron o protocolo de actuación que garante a devolución deste adianto e que será agora ratificado pola Asamblea do conxunto lugués, asumindo as dúas posibles vías de devolución deste anticipo excepcional: 1).- no suposto de creación de calquera tipo de ente dependente da SAD ou do propio CD Lugo, dando prioridade ó organismo provincial e administracións públicas con respecto a outros colaboradores; 2).- no suposto de que non se produza o citado reintegro en todo ou en parte con anterioridade ó 31 de decembro do 2013, a institución descontará a cantidade da axuda que outorga anualmente ó conxunto lugués co Plan Estratéxico de Subvencións ata compensar este adianto excepcional na súa totalidade.