Deputación de Lugo

A Deputación asume o custe das expropiacións para rexenerar un treito do paseo do río Cabe

Gómez Besteiro e Severino Rodríguez asinaron un convenio co que o organismo provincial achega 60.000 euros para facer fronte ós gastos das expropiacións do acondicionamento o treito entre a Compañía e PiñeiraCon esta achega, a Deputación de Lugo destina máis de 1,1 millóns de euros á posta en valor da contorna do Cabe xa que, á cantidade asinada hoxe, hai que sumar 940.000 euros doutro convenio para as marxes e a cunca do río e 165.000 euros para o alumeado do paseo fluvial

A institución provincial achegará ó Concello de Monforte unha subvención excepcional por valor de 60.000 euros para facer fronte ós gastos derivados da expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras de acondicionamento da canle e marxes do río Cabe no tramo comprendido entre A Compañía e a parroquia de Piñeira, en concreto na zona chamada da Pinguela. Estas actuacións permitirán rexenerar a zona, unha das máis marxinadas da cunca do Cabe e que ten sido básica para o desenvolvemento económico e social da cidade por ser histórico asentamento industrial. O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, asinaron este xoves un convenio de colaboración entre ambos organismos con este fin. O máximo responsable provincial subliñou que “con esta achega de máis de 1,1 millóns de euros a Deputación suporá a dignificación dun espacio tan importante para o Concello de Monforte e conservar importante fondos europeos”

Esta achega completa outro importante investimento que está a realizar a Deputación de Lugo en Monforte. En concreto, a institución provincial está a investir máis de 1,1 millóns de euros na contorna do río Cabe que, tal e como destacou, “suporá a dignificación dun espazo tan importante para o Concello de Monforte”. Ademais da axuda excepcional asinada hoxe por Gómez Besteiro, a Deputación acordou recentemente destinar un total de 940.000 euros para a rexeneración das marxes e da cunca do río. Este investimento asinouse nun convenio de colaboración establecido entre a Deputación de Lugo, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Monforte de Lemos. A Deputación de Lugo distribuirá esta cantidade en tres anualidades: en 2013 aportará 284.989,36 euros; 482.985,12 en 2014 e 172.025,52 euros en 2015. Ademais da importante aportación económica, a intervención e apoio da Deputación nese convenio permitirá que os veciños de Monforte non perdan os fondos FEDER do Programa Operativo de Galicia 2007-2013, xa que suporía quedar sen unha actuación relevante para o Concello.

Á achega provincial de 940.000 euros hai que sumar tamén o orzamento destinado ás obras de iluminación do paseo fluvial que permitiron a instalación de 128 puntos de luz, procedentes dos fondos do Canon hidroeléctrico.