Deputación de Lugo

Recollidas máis de 2.000 sinaturas en apoio da candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade en apenas unha semana en Lugo

Logo deste positivo inicio, o autobús que levará o libro de sinaturas nunha ruta por toda a provincia, Galicia e España, chegou esta mañá a Monforte de LemosMiguel Ángel Sotuela e Severino Rodríguez recibírono á súa chegada á localidade, onde permanecerá na céntrica rúa Cardenal ata o vindeiro día 19 de outubro Todos os que se acheguen ó autobús para asinar poderán facelo de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, atopando máis información e material promocional da campaña

A campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade acadou unha exitosa acollida, logo de conseguir o apoio de máis de 2.000 persoas que, en apenas unha semana dende a súa posta en marcha por parte da Deputación de Lugo o día 8 de outubro, achegáronse ata o autobús rotulado da campaña para asinar no libro oficial da UNESCO. O vehículo, que permaneceu diante do Pazo provincial de San Marcos ata o pasado 12 de outubro, levará agora ó libro nunha ruta que percorrerá toda a xeografía lucense antes de partir cara o resto de Galicia e España, xa no 2014. Monforte de Lemos convírtese así na primeira parada desa ruta.

O Deputado provincial e Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, acompañado polo rexedor monfortino, Severino Rodríguez, valourou a boa acollida da iniciativa, insistindo novamente na importancia do apoio popular e o esforzo conxunto entre administracións. “É fundamental que a mesma implicación que amosan ter os cidadáns sexa a que amosen as administracións, porque o éxito pasa por sumar esforzos na mesma dirección”.

De feito, dende a institución provincial remitíronse cartas ós 13 Concellos lucenses incluídos na Ribeira Sacra, para lembrar a importancia do traballo conxunto e da implicación directa das institucións rectificando actitudes pasadas, coma a chamativa ausencia no acto de inicio da campaña, tanto de Alcaldes populares coma de representantes de Xunta e Goberno central que, malia ter confirmada a súa asistencia, finalmente non fixeron acto de presenza.

Datas, lugar e horarios

O autobús rotulado da campaña permanecerá dende hoxe e ata o vindeiro día 19 de outubro na zona peonil da monfortina rúa Cardenal, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, para que todos os que o desexen poidan asinar no libro oficial da UNESCO. Ademais de deixar a súa firma, as persoas que se acheguen poderán atopar máis información sobre as terras das Ribeira Sacra, así coma diverso material promocional da campaña da institucional provincial.

Positivo inicio de campaña

O Presidente da Deputación de Lugo foi o encargado de dar inicio á recollida de sinaturas o pasado día 8 de outubro. Durante a presentación desta campaña, Gómez Besteiro lembrou que noutros casos, coma os das campañas que promoveron as candidaturas da cidade histórica de Santiago de Compostela, da Muralla lucense ou da Torre de Hércules, que acadaron finalmente a declaración de Patrimonio da Humanidade, foi fundamental o apoio popular e o traballo conxunto das administracións para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte as presentara oficialmente coma candidatas ante a UNESCO.

De calquera xeito, o traballo en prol da declaración de Ribeira Sacra coma Patrimonio da Humanidade -un dos compromisos que Gómez Besteiro xa asumira no seu discurso de investidura no 2011-, materializouse o pasado mes de setembro coa aprobación por unanimidade do Pleno provincial dunha moción presentada polo grupo socialista, na que se instaba á Xunta e ó Goberno central a promover a candidatura da Ribeira Sacra, e cuxo texto foi remitido a todos os Concellos, así coma á Deputación ourensana para que tomen a mesma iniciativa.

Tamén co fin de impulsar esta campaña o Presidente da Deputación mantivo a pasada semana unha xuntanza co seu homólogo ourensán, froito da cal as dúas entidades asinarán en datas vindeiras un convenio de colaboración entre as dúas provincias para acadar unha declaración que suporá, sen dúbida, un impulso considerable á economía lucense e galega.

O apoio a esta iniciativa, que xa conta coa colaboración desinteresada do Grupo El Progreso e da empresa Monbús, está aberto á incorporación de todas aquelas empresas que desexen participar.