Deputación de Lugo

A Deputación fomenta o lecer medioambiental entre os máis pequenos co 1º Km0Infantil, que conta con 765 prazas

Rapaces de entre 6 e 12 anos de idade de toda a provincia poderán participar de maneira gratuíta nestes campamentos medioambientais, dun día de duración, que terán lugar entre o vindeiro 25 de xuño e o 19 de xulloPoden elixir unha xornada repleta de actividades lúdico educativas na Granxa Garabullos de Cospeito ou no parque Avifauna de Outeiro de Rei. Os interesados teñen de prazo para apuntarse entre hoxe e o venres, día 21, na web www.deputacionlugo.org

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns o primeiro Km0Infantil, uns campamentos de verán para os máis pequenos cos que “potenciamos o lecer medioambiental entre os máis pequenos e poñemos en valor o noso medio rural, convertendo deste xeito ós nenos en pequenos embaixadores da provincia”. O Km0Infantil desenvolverase entre o vindeiro martes, 25 de xuño, e o 19 de xullo, e nel poderán participar de maneira totalmente gratuíta ata 765 rapaces de entre 6 e 12 anos de toda a provincia. Como no caso do Km0 para adultos, “este novo programa está financiado nun 80% pola Unión Europea a través do proxecto medioambiental Lug02”, explicou López Izquierdo.

Son en total 17 xornadas para os máis pequenos, “repletas de actividades lúdico educativas en contacto directo coa natureza”, indicou a Deputada. Cada día, entre as 10:30 e as 14:00 horas, participarán 45 rapaces, distribuídos en grupos de 15.

Os nenos poden escoller entre dúas alternativas, ambas en pleno corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño:

A Granxa Garabullos, situada en Cospeito, onde as actividades terán lugar entre o 25 de xuño e o 15 de xullo. Trátase dun centro de lecer educativo que ten como obxectivo dar a coñecer o medio ambiente e as súas potencialidades, e favorecer o compromiso coa conservación do rural.

- O parque Avifauna de Outeiro de Rei, no que haberá actividades entre os días 16 e 19 de xullo. Avifauna é un centro de interpretación que conta con 500 aves de máis de 200 especies diferentes, representativas dos 5 continentes. As características deste parque zoolóxico fano único na comunidade galega, e un dos poucos de España.

Rutas, obradoiros, xogos e danzas

Durante toda a mañá, os rapaces, acompañados en todo momento por monitores, farán rutas guiadas, obradoiros, xogos e danzas, “todo co obxectivo de que aprendan a valorar a riqueza natural da provincia en xeral, e da Reserva Terras do Miño en particular, e converterse en pequenos embaixadores da nosa provincia; comprendan a importancia de vivir en harmonía coa natureza; e se comprometan coa conservación dos espazos naturais”, destacou a Deputada de Medio Ambiente.

López Izquierdo estivo acompañada de Patricia Fouce, da asociación Revolta Natural, que xestiona a Granxa Garabullos, e Antonio Ibáñez, de Avifauna, que explicaron polo miúdo as actividades das que gozarán os nenos en cada centro. Deste xeito, a responsable da Granxa Garabullos indicou que, co obxectivo de “fomentar un sentimento de conexión coa natureza vinculado coa figura da Reserva da Biosfera”, os rapaces farán unha visita á granxa, interactuarán cos animais, farán un obradoiro de reciclaxe e escoitarán contos. Ó final da xornada, deixarán nunha lona unha mensaxe na que expresarán o seu compromiso co medio ambiente.

Pola súa banda, Antonio Ibáñez, de Avifauna, gabou a iniciativa da Deputación porque “o noso obxectivo dende hai 30 anos é precisamente divulgar o medio ambiente a través das aves entre os nenos”. Neste parque, os rapaces farán un percorrido polo parque, “descubrindo as características das aves e en contacto directo coa natureza”.

Como e cando apuntarse

Para apuntar ós rapaces, os pais non teñen máis que entrar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner con toda a información sobre o Km0 Infantil, ademais do correspondente formulario de inscrición. Tamén encontrarán o escrito de autorización paterna, que, ben poden enviar vía on line, xunto ó formulario de inscrición, ou ben entregalo en persoa antes do inicio das actividades. Presentar esta autorización é obrigatorio. O prazo para anotarse ábrese hoxe mesmo e remata este venres, 21 de xuño. Unha vez cerrado, “chamaremos a todos os solicitantes para concertar o día de celebración da actividade, tendo en conta as preferencias do interesado e a dispoñibilidade das prazas”, sinalou Sonsoles López.

Transporte gratuíto

Os participantes contarán con servizo de autobús gratuíto desde Lugo para desprazarse ó lugar dos campamentos –Cospeito ou Outeiro de Rei-. En todo caso, se se xunta un grupo de entre 20 e 45 rapaces da mesma zona da provincia, fretarase un autobús para recollelos, tamén gratuitamente, nalgún punto desa zona no que lles veña ben a todos.

Para obter máis información, os interesados poden chamar ós números de teléfono 982-26-00-75/79, ou enviar un correo electrónico a km0infantil@deputacionlugo.org