A Deputación de Lugo e a Escola de Arte Ramón Falcón organizan Land Art, unha exposición de arte feita con natureza
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_8262_1.jpg)
A Deputación de Lugo, en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, organizan unha particular exposición no Centro de Interpretación Terras do Miño, coa que este Centro pecha as súas actividades do segundo trimestre coa exposición Land Art, que conxuga natureza e arte. O chamado land art (ou arte da terra) é unha corrente artística que pón en contacto ós artistas co seu entorno empregando coma materiais artísticos elementos naturais.
Neste caso, os artistas serán os alumnos de 3º da Escola Ramón Falcón, coordinados polo profesor José Antonio Cruz Lago, os que exhibirán ducias de traballos realizados con materias naturais, que se poden atopaa na zona do río Rato coma vexetación, pedra, terra, area, etc... que versarán sobre o tema eixe da exposición: Terras do Miño. Reserva da Biosfera. Con estes traballos, tratarán de reflectir a relación entre o home e a terra, e facer un chamamento á sociedade para a conservación do medio.
A exposición arrincará coa conferencia que ofrecerá, a partires das 19:00 horas, a experta María Vázquez, e que leva por título Cánticos da lonxana Terra: Land Art. A expresión artística a través da Natureza. Vázquez, licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Arte Antiga e Medieval e profesora de Artes Plásticas e Deseño na Escola Ramón Falcón, falará ós asistentes sobre diferentes aspectos desta corrente artística, coma o seu léxico propio; o seu contexto histórico; as diferentes características que presentan os diferentes movementos -estadounidense ou europeo-, así coma os seus representantes máis destacados.
A exposición permanecerá aberta dende mañá, 20 de xuño, ata o vindeiro 2 de xullo, nos horarios habituais do Centro de Interpretación: luns a xoves, de 9:30 a 14:30 horas; venres, de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. As fins de semana o horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os sábados e de 11:00 a 14:00 horas os domingos.
A institución provincial continuará con este tipo de actividades gratuítas coas que pretende facer do Centro de Interpretación de Terras do Miño punto de referencia para os lucenses na formación e coñecemento do patrimonio natural da provincia, co obxectivo de fomentar conductas respectuosas co medio. Así, nos meses de verán darán comenzo novas e variadas actividades, moitas delas no exterior, tales coma conferencias, exposicións e obradoiros, dirixidas a públicos de todas as idades e que se darán a coñecer en vindeiras datas.