Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha o plan de promoción de 52.500 produtos autóctonos para impulsar as súas vendas e xerar riqueza na provincia

Con fondos europeos, o organismo provincial distribuirá estes alimentos en hoteis e balnearios lucenses mediante lotes e organizará un mínimo de 100 degustacións nestes establecementos A institución tamén arranca o plan pioneiro en España para a xeración de enerxía coas traídas de agua, encargando á Axencia Provincial da Enerxía os estudos de viabilidade desta iniciativa nos 27 Concellos que, de xeito voluntario, decidiron sumarseA Xunta de Goberno aproba a contratación das obras na estrada de Fontevella a Carrizal, no Concello da Pastoriza, achegando 1,3 millóns de euros na mellora das comunicación coa A-8 dende a Terra Cha

A Deputación pon en marcha o plan de promoción de 52.500 produtos autóctonos. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación deste programación, por valor de 232.800 euros, dos que 184.240 son fondos europeos, ó enmarcar este plan dentro do Lug02, o programa medioambiental cofinanciado pola Unión Europea nun 80%. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “con esta iniciativa, poñemos en valor o traballo de autónomos e PEMES cuxa actividade se centra na elaboración destes alimentos co obxectivo de impulsar as súas vendas e dinamizar a economía da provincia”.

Martínez explicou que a adxudicataria deseñará agora un plan de identificación de produtos autóctonos non perecedoiros, é dicir, que poidan envasarse e conservarse durante un mes. Por exemplo, produtos cárnicos (chourizo, salchichón...), vitinícolas (licores, cremas de oruxo...), ou de repostería (tartas, mel, madalena, améndoas, marmeladas...). Ademais, tamén deberá acordar a súa distribución en hoteis e balnearios da provincia mediante lotes ou organizando un mínimo de 100 degustacións.

Traída de auga

A institución luguesa arranca ademais o proxecto pioneiro en España para a xeración de enerxía eléctrica coas traídas de auga, aforrando custes ós 26 Concellos sumados, de xeito voluntario, a esta iniciativa. A sesión acordou que a Axencia Provincial da Enerxía asuma a primeira fase desta iniciativa, optimizando os recursos da institución e reducindo custes ó evitar contratacións externas. Deste xeito, proximamente, os técnicos provinciais desprazaranse ós municipios para comprobar, in situ e de xeito personalizado, a viabilidade desta iniciativa en cada un dos Concellos, realizando un estudo técnico, económico e xurídico. Rematada esta primeira fase, é dicir, comprobado que os municipios cumpran cos requisitos para a posta en marcha deste proxecto, instalaranse as turbinas á saída dos depósitos de auga, producindo enerxía sen que se precisen máis infraestruturas específicas e sen reducir a canle dos ríos. Será unha toma independente no tanque e conexión coa rede xeral, como un by pass, para garantir que, en caso de avería, non se interrompa o abastecemento. Este sistema permitirá, ademais, mellorar a calidade da auga ó osixenala.

Os municipios que se sumaron a este proxecto, pertencentes ó Club dos Renovables, son os seguintes: Baralla, Friol, Guntín, Barreiros, Palas de Rei, Abadín, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Corgo, O Incio, Láncara, Meira, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Riotorto, Sober, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.

Obras A Pastoriza

Martínez anunciou a contratación das obras que permitirán mellorar ás comunicacións coa A-8 dende a Terra Cha, ó actuar na estrada de Fontevella ó Carrizal, no Concello da Pastoriza, co POS 2012. Trátase da CP-0102, onde se acondicionarán 4 quilómetros, concretamente dende o punto 4,058 ó 8,058, achegando para elo máis de 900.000 euros. Este presuposto engádese ós case 200.000 euros que xa investiu a Deputación na expropiación dos 43.000 metros cadrados necesarios para realización deste traballos. Isto supón que, en total, esta Deputación invista preto de 1,3 millóns de euros nestas actuacións moi demandadas polos veciños, xa que este vial rexistra un elevado número de usuarios, ó ser o principal nexo de unión entre A Pastoriza e Moncelos. “Unha vez máis, este Goberno Provincial demostra que responde ás demandas veciñas e que cumpre coa súa palabra a diferencia do Partido Popular, que prometeu executar estas actuacións, incluíndoas no famoso plan dos 50 millóns de euros, cando non tiña os cartos nin os terreos necesarios”.