Deputación de Lugo

​ A Deputación colabora na organización do XI Criterium Aeronáutico, que reunirá a preto de 5.000 persoas

- O organismo provincial achega 10.000 euros para a celebración deste evento que reunirá a máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas - Álvaro Santos resaltou a importancia da cita para a provincia de Lugo xa que “conta cunha repercusión mediática internacional” - O evento, que terá lugar os días 22, 23, 24 e 25 de xullo no aeródromo de Rozas, coincidirá coa XXXIII Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, presentou este xoves a décimo primeira edición do Criterium Aeronáutico, que se celebrará do 22 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. Esta iniciativa está organizada polo Real Aeroclub de Lugo e conta cunha achega provincial de 10.000 euros para a organización do mesmo. O evento coincidirá ademais coa XXXIII Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.

O Vicepresidente destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante impacto económico xa que atrae a preto de 5.000 persoas, pernoitando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.

Neste senso, Santos Ramos informou que máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, daranse cita durante a vindeira fin de semana en Rozas, consolidando ao Criterium Aeronáutico como un referente do panorama nacional. A magnitude do evento é tal que as prazas para inscribirse nalgunhas actividades, como o salto en paracaídas, esgotáronse en cuestión de horas.

Pola súa parte, Luis Abelleira, presidente do Real Aeroclub de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é “achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”, remarcou.

XXXIII Volta aérea a Galicia
A XXXIII Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense celebrarase os días 22 e 23 de xullo, xunto ao resto de actividades do XI Criterium Aeronáutico Galicia 2016. Constará de dúas etapas sinxelas con orixe e destino no aeródromo de Rozas. Aínda que a programación inicial prevé a realización dunha etapa o venres e outra o sábado, as tripulacións que non poidan chegar a tempo o venres poderán realizar as dúas etapas o sábado.

Programación
Venres, 22 de xullo:

  • Voos en avión, ultralixeiro, acrobático, paramotor e globo
  • Saltos - Paracaidismo
  • Simulador de voo
  • Exposición estática INTA, aeronaves históricas e motos clásicas
  • Sorteos de voos (Avión histórico, globo e patrocinadores).
  • Aeromodelismo / Drons
  • I Etapa XXXIII Volta Aérea

Sábado, 23 de xullo:

  • Bautismos de avión
  • Bautismos de ultralixeiro
  • Voos en avión, ultralixeiro, acrobático, paramotor e globo
  • Saltos – Paracaidismo
  • Simulador de voo
  • Exposición estática INTA, aeronaves históricas y motos clásicas
  • Sorteo de voos (Avión histórico, globo e patrocinadores)
  • Aeromodelismo / Drons
  • Aeronaves apagalumes, DGT, Guardia Civil, Policía, etc.
  • Circuito de karts infantiles
  • Hinchables para nenos
  • II Etapa XXXIII Volta Aérea

Domingo, 24 de xullo

  • Voos en avión, ultralixeiro, acrobático, paramotor e globo
  • Saltos – Paracaidismo
  • Simulador de voo
  • Exposición estática INTA, aeronaves históricas e motos clásicas
  • Sorteos de voos (avión histórico, globo e patrocinadores)
  • Aeromodelismo / Drons
  • Aeronaves apagalumes, DGT, Guardia Civil, Policía, etc.
  • Circuíto de karts infantiles
  • Inchables para nenos
  • Dispersión XXXIII Volta Aérea a Galicia

Luns, 25 de xullo

  • Voos en avión, ultralixeiro, acrobático, paramotor e globo
  • Saltos – Paracaidismo
  • Simulador de voo
  • Exposición estática INTA, aeronaves históricas e motos clásicas
  • Sorteos de voos (Avión histórico, globo e patrocinadores)
  • Aeromodelismo / Drons
  • Aeronaves apagalumes, DGT, Guardia Civil, Policía, etc.
  • Circuíto de karts infantiles
  • Inchables para nenos