Deputación de Lugo

A Deputación suma un aforro de 76.000 euros na factura eléctrica dos primeiros 6 Concellos onde instalará gratis novo equipamento

A Xunta de Goberno aprobou a adquisición de 1.553 compoñentes enerxéticos para os Consistorios e alumeados de Cervantes, Pol e Samos, que reducirán as facturas en 35.500 eurosAcordada unha nova medida de rebaixa dos gastos correntes da Deputación, coa que a institución acada un aforro de 4,2 millóns de eurosJosé Manuel Gómez Puente, Concelleiro do Partido Popular en Barreiros, presentou este venres a súa renuncia como Deputado da Corporación Provincial luguesa

A Xunta de Goberno aprobou este vernes a adquisición de 1.553 novos compoñentes enerxéticos para as Casas Consistoriais e os alumeado públicos de Cervantes, Pol e Samos, que permitirán reducir as facturas eléctricas destes Concellos en 35.500 euros ó ano. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, subliñou que “a Deputación aforra estes cartos ás arcas municipais e, en definitiva, ós 5.000 veciños de Cervantes, Pol e Samos”. García Porto destacou que é a segunda contratación conxunta de equipamento enerxético que realiza a institución provincial tras adquirir outros 1.000 compoñentes para Abadín, A Fonsagrada e O Incio, cos que o organismo lugués aforra a estes Concellos 41.000 euros ó ano na factura eléctrica.

A Deputación aforra 76.000 euros na factura eléctrica a estes 6 municipios, coa nova medida de cooperación cos municipios, que a institución ofreceu a todos os Concellos lugueses que se sumaron ó chamado Club dos Renovables, que aceptaron 37 entidades locais. Este proxecto, a custe cero para os Concellos grazas ós fondos europeos do Lug02, consta de 2 partes:

- Unha primeira, xa completada, que consistiu na realización de auditorías nos 37 municipios para determinar en que puntos e con que equipamentos se pode reducir o consumo enerxético en dependencias municipais. Asumindo o custe das auditorías, a Deputación aforrou 10.000 euros a cada entidade local, que é o prezo destes traballos no mercado, sumando un primeiro aforro de 370.000 euros ás entidades locais.

- A segunda fase, que comezará nas vindeiras semanas en Abadín, A Fonsagrada e O Incio para, posteriormente, seguir en Cervantes, Pol e Samos, consiste na dotación dos compoñentes de eficiencia enerxética, determinados en base ás auditorías para rebaixar o gasto eléctrico. Para elo, o organismo provincial aprobou un Acordo Marco, pactando con 6 empresas a compra de material como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza, obtendo, deste xeito, prezos moito máis vantaxosos.

“É dicir, os Concellos adheridos ó plan da Deputación benefícianse de tres grandes vantaxes: aforran o gasto das auditorías; aforran o gasto dos equipamentos técnicos; e conseguen importantes aforros económicos na súa factura eléctrica”, destacou a Deputada.

87.000 euros menos en gastos de oficina

Na sesión acordouse unha nova medida de redución dos gastos correntes da Deputación, coa que a institución suma xa un aforro anual destes custes de 4,2 millóns de euros. Trátase da contratación do mantemento das ducias de fotocopiadoras que se distribúen nos edificios dependentes do organismo provincial por valor de 60.870 euros, supoñendo 7.000 euros menos que no 2012. García Porto explicou que se acada este aforro ó facer un só prego, é dicir, ó adxudicar este servizo de xeito conxunto. “Estes 7.000 euros, súmanse ós 80.000 euros que xa aforramos nos custes derivados do material de oficina con medios tecnolóxicos do Innova-TE, que nos permiten, por exemplo, dixitalizar toda a documentación e prescindir do papel”, subliñou.

Ademais da redución dos custes no material de oficina en 87.000 euros, puxemos en marcha as seguintes medidas de aforro de gastos correntes: rebaixa da partida de gastos correntes no Orzamento da Deputación en 3,6 millóns de euros, co control destes custes en todos os departamentos provinciais; reducción dos custes en telefonía en 236.000 euros ó ano, con menos operadores e dispositivos móbiles; diminución das facturas eléctricas en 130.000 euros, con medidas da Axencia Provincial da Enerxía; rebaixa dos custes polo mantemento e vixilancia das instalacións provinciais en 120.000 euros, con contratacións conxuntas. “En total, aforramos 4,2 millóns de euros nos gastos correntes anuais da Deputación co obxectivo de incrementar os investimentos na provincia para emprego e benestar social, as prioridades deste Goberno Provincial. De feito, estas medidas de aforro, xunto á boa xestión, permitíronnos incrementar a partida para o fomento do emprego en máis dun 60%, superando os 10 millóns de euros no 2013, e en preto dun 20% para benestar social, con case 2,5 millóns de euros”, indicou.

Renuncia de Gómez Puente

García Porto informou comunicou que hoxe presentou a súa renuncia como Deputado da Corporación Provincial luguesa José Manuel Gómez Puente, Concelleiro do PP en Barreiros.